A VENDA DE DEREITOS E A PARTICIPACIÓN EN FEIRAS, NUNHA SESIÓN FORMATIVA DA AGE
- O 13/02/2019
Santiago de Compostela, 13 de febreiro de 2019.- A Asociación Galega de Editoras celebrou onte unha Sesión formativa en Venda de Dereitos dirixida ás súas editoras asociadas, en horario de 9:00h. a 14:00h, na Biblioteca do Consello da Cultura Galega. A xornada formativa foi impartida pola axente literaria, Carlota Torrents, fundadora de Asterisc Agents, foi editora en Verdaguer Edicións e cocreadora do fórum de lectores, “Què llegeixes?”
A sesión foi dirixida a profesionais da AGE que non asistiron nunca a unha feira internacional do libro e están a valorar participar nunha ou ben xa se desprazaron a algunhas feiras pero consideran que lles faltan recursos e estratexias de organización.
A xornada estivo dirixida tamén ás editoras que hai tempo participan nunha feira pero empregan as mesmas estratexias e desexarían obter máis rendemento do investimento que supón asistir a unha feira do libro a nivel internacional. Hoxe en día, as empresas editoras son conscientes da importancia da internacionalización e que comprar ou vender dereitos resulta fundamental para a supervivencia dalgunhas casas editoriais.
Participación nunha feira profesional: investimento e rendibilidade
As editoras e as axencias literarias que participan en diversas feiras internacionais do libro deben ter claros os obxectivos, moitas veces dubidan se o fan ben, se se organizan suficientemente, se é rendible o gasto que invisten, ou ben descoñecen o tempo que deben empregar para preparar a súa participación, como minimizar o impacto do volume de traballo ou o custo que supón a participación nunha feira profesional, posto que cambia a dinámica da empresa e a comunicación.
Estrutura da sesión: formato maxistral e obradoiro
A sesión formativa en venda de dereitos estruturouse en dúas partes: un formato maxistral e un formato obradoiro, para poñer en práctica as citas profesionais en feiras, pensado especialmente para as persoas que descoñecen o seu funcionamento ou que foron poucas veces e case non teñen experiencia en organizar as citas, as súas axendas e outros pormenores das feiras.