“AS PESCADORAS”, de Kalandraka Editora, Premio XXXIII Mostra do Libro Infantil e Xuvenil de Madrid
- O 13/12/2017
As pescadoras, de Kalandraka Editora, Premio XXXIII Mostra do Libro Infantil e Xuvenil de Madrid
As pescadoras, de Nadia Menotti, foi galardoado co Premio da XXXIII Mostra do Libro Infantil e Xuvenil de Madrid, que se concede por primeira este ano vez entre as 200 obras que compoñen o catálogo desta exposición, cuxa inauguración será hoxe mércores 13 de decembro no Centro Cultural Conde Duque, no marco do Salón do Libro Infantil e Xuvenil. O obxectivo desta distinción é “destacar tanto o labor intelectual e artístico como o traballo editorial” á publicación que presenta “un equilibrio máis harmónico entre todos os seus valores”.
Na entrega do galardón, o día 13 de decembro, en Madrid, a delegación de Kalandraka Editora coincidirá cos galegos Antonio García Teijeiro, Premio Nacional de LIX, e Ledicia Costas, que recollerá o Lazarillo.
Trátase dun premio simbólico, o Libróptero, creado por Guridi e que representa unha alegoría sobre a capacidade que posúe a lectura para facer voar a imaxinación.
O xurado, formado pola autora Margarita del Mazo, o editor Diego Moreno, a mestra Sara Moreno, o autor e ilustrador Raúl Nieto Guridi, o libreiro Rodrigo Rivero e o xefe da Unidade do Libro e da Lectura da Comunidade de Madrid, Pedro Valverde Ogallar, destacaron a traxectoria de KALANDRAKA -que cumprirá o seu vixésimo aniversario en 2018- e a súa liña editorial “definida pola animación á lectura e o apoio aos creadores”.
Con libros como As pescadoras, “mantén a súa aposta pola multiculturalidade, a educación en igualdade, a tolerancia e a estimulación da imaxinación e a curiosidade”, sinalou a organización do certame.
Ademais deste recoñecemento, a obra ilustrada por Nadia Menotti xa recibira a mención do xurado do VII Premio Internacional Compostela de Álbum Ilustrado 2014. Esta adaptación dun conto tradicional da India destaca pola súa fermosa e delicada proposta plástica, a base de minuciosas escenografías con pequenas figuras elaboradas en madeira, cartón, aramio ou tea. As pescadoras cuestiona o concepto do relativo e do subxectivo de determinadas convencións, ademais de expór unha reflexión sobre o traballo, a solidariedade ante as adversidades ou a capacidade creativa para abordar os problemas.
A entrega do premio contará coa asistencia de Nadia Menotti, procedente de Bos Aires, e do director de Kalandraka, Xosé Ballesteros, que tamén é o adaptador do texto. As pescadoras formará parte da Mostra do Libro Infantil e Xuvenil, que percorrerá as bibliotecas e centros de lectura de toda a Comunidade de Madrid. Na selección das 200 obras incluídas nesta exposición itinerante participaron 16 bibliotecarias e bibliotecarios expertos en literatura infantil.
Foto: Nadia Menotti