COMPRA-VENDA DE DEREITOS E APERTURA DE NOVOS MERCADOS, ENTRE AS ACCIÓNS DAS EDITORAS GALEGAS NA FEIRA INTERNACIONAL DO LIBRO INFANTIL E XUVENIL DE BOLOÑA
- O 08/04/2019
- Oito empresas editoras amosaron as súas novidades neste evento, o máis importante do mundo no libro infantil e xuvenil, que se celebrou nesta cidade italiana do 01 ao 04 de abril.
Santiago de Compostela, 08 de abril de 2019.- A Asociación Galega de Editoras (AGE) participou, por segunda vez con stand propio, na Feira Internacional do Libro Infantil e Xuvenil de Boloña, coa colaboración de CEDRO (Centro Español de Derechos Reprográficos). A 56ª edición da BBF, a feira internacional máis importante en compra e venda de dereitos de literatura infantil e xuvenil, contou con Suíza como país convidado e celebrouse do 01 ao 04 de abril.
Oito empresas da AGE levaron os seus títulos a Boloña nesta ocasión, e cinco delas estiveron presentes nas xornada profesionais. Alvarellos Editora, Embora Edicións, Kalandraka Editora, Baía Edicións, Urco Editora, Edicións Xerais de Galicia, Galaxia Editorial e Oqueleo, son as empresas asociadas á AGE que participaron no stand colectivo da entidade en Boloña ata o 4 de abril.
Kalandraka Editora contou con stand propio na feira ademais de participar no da AGE e Triqueta Verde, editora independente especializada en álbum ilustrado, realizou o seu traballo desde o stand da Federación de Gremios de Editores de España.
As empresas desprazadas do gremio galego mantiveron xuntanzas de traballo con representantes do sector internacional, cunha axenda pechada meses antes da celebración da Feira, ademais de realizar presentacións de libros, no propio stand, e nas librarías da cidade de Boloña, como foi o caso de Kalandraka Editora. Compra-venda de dereitos e apertura de novos mercados centraron o traballo das editoras galegas presentes en Boloña.