A edición galega viaxa a LIBER e a FRANKFURT
- O 02/10/2017
A edición galega viaxa a LIBER e a FRANKFURT
- As editoras galegas regresan á feira LIBER e promoverán as súas novidades ata o 6 de outubro
- Once editoras da AGE desprazaranse á feira sectorial máis importante do exterior que se celebra en Frankfurt, do 11 ao 15 de outubro
- A Asociación Galega de Editoras promoverá na feira de Frankfurt unha selección de obras no stand de Galicia e contará cun catálogo de venda de dereitos
A promoción da industria editorial de Galicia no exterior é unha das principais liñas de actuación da Asociación Galega de Editoras (AGE). Con esa finalidade as editoras galegas viaxarán neste mes de outubro, coa colaboración da Consellería de Cultura da Xunta de Galicia, aos encontros profesionais do sector máis destacados a nivel internacional, a Feira Internacional do Libro de Frankfurt (Alemaña), á única iniciativa deste tipo de relevancia mundial que se organiza en España, a Feira Internacional do Libro (LIBER) ademais da FIL Guadalaxara, en México, no mes de novembro.
LIBER celebra o 35 aniversario con Arxentina como país convidado
A Feira Internacional do Libro, que nesta edición se celebra en Madrid, terá lugar entre os días 4 e 6 de outubro. LIBER é unha feira con carácter profesional que promove a Federación de Gremios de Editores de España e organízase alternando a sede, nunha convocatoria en Madrid e noutra en Barcelona. Este ano LIBER regresa a Madrid, organizada polo IFEMA, para celebrar o seu 35 aniversario e con Arxentina como país convidado. Esta convocatoria suporá o maior encontro internacional do libro en español, con capacidade de ofrecer oportunidades de negocio ás principais empresas editoriais.
A cita, consolidada como primeira mostra dedicada ao libro en lingua española en Europa e como principal centro de negocio e intercambio profesional, está aberta a todos os sectores do libro, con especial atención aos contidos dixitais, ás novas editoras, á autoedición e á propiedade intelectual.
O sector editorial galego volverá contar con stand compartido entre a AGE e a Consellaría de Cultura e Educación, da Xunta de Galicia para amosar as súas novidades, manter acordos e intercambios comerciais. Ademais haberá editoras asociadas con stand propio: Kalandraka Editora, Nova Galicia Edicións e Edicións do Cumio-Arnoia Distribuidora.
As editoras asociadas á AGE, KNS Ediciones, Alvarellos Editora, Ediciones Bolanda, Hércules de Ediciones, Edicións Laiovento, Nova Galicia Edicións, Kalandraka Editora, Editorial Colex, Edicións do Cumio e a Editorial Galaxia desprazaranse á feira entre os días 4 e 6 de outubro.
Frankfurt, o principal centro de negocio en venda de dereitos de edición no exterior
A grande cita mundial da edición que cada ano reúne a editoriais en Alemaña e que terá nesta ocasión como país convidado a Francia, celebrarase entre os días 11 e 15 de outubro. Ademais do encontro en Frankfurt dos principais representantes internacionais do sector editorial, a feira alemá converterase como cada ano nun dos principais centros de negocio no exterior para a compra e venda de dereitos de edición, obxectivos fundamentais da delegación das editoras galegas que se desprazarán á feira: Hércules de Ediciones, Edicións Laiovento, Nova Galicia Edicións, Kalandraka Editora, Edicións do Cumio e a Editorial Galaxia.
A AGE compartirá stand coa Consellería de Cultura e Educación- Xunta de Galicia e varias empresas asociadas contarán co apoio da Cámara de Comercio de Santiago de Compostela a través dunha misión comercial do FOEXGA-IGAPE.
A Asociación Galega de Editoras promove na feira de Frankfurt unha selección de obras expostas e contará cun catálogo de venda de dereitos, elaborado pola AGE en colaboración Xunta de Galicia.