Edicións Fervenza convoca o 3º Concurso Balbino de relatos
- O 26/01/2018
Edicións Fervenza convoca o 3º Concurso “Balbino” de Relatos, que leva o nome do protagonista da obra máis internacional da literatura galega Memorias dun neno labrego, do célebre escritor Xosé Neira Vilas. O concurso está promovido pola empresa Técnica & Gramaxe (Edicións Fervenza) coa conformidade da Fundación Xosé Neira Vilas e a colaboración da SXPL, a Consellería de Cultura, a Deputación de Pontevedra e os concellos de Vila de Cruces e Boqueixón.
Este Concurso de Relatos pretende ser un estímulo para todas aquelas persoas que queiran participar na promoción e difusión de Galicia e da nosa cultura.O Concurso “Balbino” de Relatos, de periodicidade anual, está aberto á participación de escritores e amantes da escritura, de calquera idade ou nacionalidade, co único requisito de que o idioma no que estea escrito o orixinal deberá ser en lingua galega e que terán como motivación temática o rural, o mar e a emigración.
Bases
O prazo estipulado para remitir os escritos finaliza o venres 30 de xuño de 2018 e os relatos deberán cumprir unha serie de requisitos formais, marcando unha extensión de entre 100.000 e 180.000 caracteres, estar escrito en galego e temática vinculada co rural, o mar ou a emigración.
A obra gañadora será elixida por un xurado profesional de recoñecido prestixio que dará a coñecer o fallo no mes de setembro. O autor do relato premiado recibirá un premio dobre, un cheque por valor de 1.500 euros e a publicación da obra por Edicións Fervenza.
Máis información: concursobalbino@gmail.com