PRESENTACIÓN DE ‘A ÁRBORE DA ESCOLA’ NA CORUÑA
- En 18/10/2016
O escritor, comunicador ambiental e ornitólogo coruñés Antonio Sandoval presentará a súa nova obra “A árbore da escola”, este mércores 19 de outubro na libraría Moito Conto da Coruña, a partir das 19:00 horas. Trátase dun álbum infantil, ilustrado polo Premio Nacional Emilio Urberuaga, que conta a relación entre un neno e unha pequena árbore que vai medrando no patio do colexio grazas ao agarimo que recibe do rapaz e ao afecto doutros compañeiros que seguen o seu exemplo. A presentación, dirixida a público infantil e familiar, contará coa colaboración do músico Paco Nogueiras.
A importancia da educación ambiental, o contacto directo do alumnado coa natureza para a súa formación integral e o espírito colaborativo na comunidade docente están presentes nesta obra de estrutura circular e linguaxe sinxela.
O autor toma a licenza temporal de comprimir nas páxinas deste libro un proceso que duraría anos, concentrando simbolicamente nun mesmo grupo de nenos e de nenas a acción voluntaria de protexer a árbore. Pero vai máis aló, ao impulsar que esta proposta teña continuidade noutras escolas, facendo viaxar a súa semente e, con ela, a conciencia social de respecto ao medio ambiente e ao planeta.
“A árbore da escola deste libro é o emblema de como un proxecto educativo novidoso e integrador, cando se mima de verdade, medra e medra e acaba por chegar a outras escolas”, ten explicado o autor, do que destaca a súa experiencia en proxectos de educación ambiental, interpretación do patrimonio e turismo de natureza, ademais de estar vencellado a varias organizacións de estudo e conservación do medio natural.
Na súa bibliografía figuran outros títulos como “¿Para qué sirven las aves?”, “Las aves marinas de Estaca de Bares. Un diario personal” e a novela “BirdFlyway. Un viaje en familia por la Ruta de las Aves”, ademais de ter participado na publicación titulada “Cuándo ver Aves en Galicia”. Asimesmo, colabora con diversos medios de comunicación e forma parte do equipo ‘Prensa Escuela’ de La Voz de Galicia.
O intenso colorido das ilustracións, a expresividade de cada páxina e a presenza de elementos alleos ao texto que enriquecen a lectura visual, son algunhas das achegas de Emilio Urberuaga -creador da imaxe do célebre Manolito Gafotas- na súa proposta plástica.