Kalandraka Editora convídanos á presentación de Cervatos, de Lucía Novas, hoxe ás 20:30h. en Bueu
- O 26/01/2018
LUCÍA NOVAS PRESENTA OS VERSOS KITSCH DE “CERVATOS” O VENRES 26 DE XANEIRO, EN BUEU
A poeta Lucía Novas presentará este venres, 26 de xaneiro, en Bueu o seu novo poemario, “Cervatos”, publicado na colección Tambo do selo Faktoría K, de Kalandraka. Na Sala Amalia Domínguez Búa da súa vila natal estará acompañada, a partir das 20:30 horas, polo profesor e crítico literario Ramón Nicolás, e polo director da colección Tambo, Luis Rei Núñez. O gusto polas atmosferas kitsch, a beleza do efémero e a riqueza de obxectos superfluos marcan o estilo desta obra, que bebe das fontes do videoclip e do cinema, da música e da cultura audiovisual contemporánea.
A diferenza dos dez títulos de Tambo precedentes, os poemas de “Cervatos” teñen un carácter fragmentario, están elaborados a base dun atrevido colaxe de palabras enxertadas con tino, sensibilidade e lirismo. A autora amosa un mundo urbano, nocturno e inhóspito; mais tamén recolle o pouso e a autenticidade do mundo rural. Trátase, en conxunto, dunha poética híbrida entre memoria e cosmopolitismo, que aposta pola mestizaxe entre o popular e o vangardismo.
Tampouco elude a crítica á posmodernidade, ao carácter fuxidío e fugaz dunha realidade na que se identifica os individuos como fráxiles cervatos expostos ao teimudo, fascinante e implacable paso do tempo.