O XV Simposio O libro e a lectura reclama un espazo para poesía na nosa sociedade
- O 19/11/2018
Editoras, profesorado, autores e autoras, tradutoras/es, librarías e activistas culturais pediron, durante o XV Simposio do Libro e da Lectura (organizado pola AGE e a Concellería de Educación e Cidadanía de Santiago, en colaboración coa Xunta de Galicia, CEDRO e o Consello da Cultura Galega durante os días 15 e 16 de decembro) que a poesía sexa visible na nosa sociedade. Entre as conclusións deste encontro profesional, resumimos as seguintes:
_O xénero poético é un estandarte na nosa cultura e vive hoxe unha altísima onda creativa
_As persoas participantes reclaman políticas culturais que axuden á creación e á produción poética.
_A poesía debería ser imprescindible en todas as etapas educativas.
_O xénero poético atopa nas redes unha nova atmosfera para a súa comunicación e, por outra banda, combina á perfección coas outras artes.
Dúas conferencias, dúas mesas redondas, un panel de experiencias, unha actuación-performance e un recital poético vertebraron o programa que se iniciou o xoves 15 de novembro, ás 10:00 horas da man de Yolanda Castaño na conferencia de apertura.
Seguiulle o panel de experiencias “da edición á creación”, con Paz Castro, Antía Otero, Isaac Xubín e Leire Bilbao (12:30 horas).
As sesións continuaron na tarde do xoves 15 de novembro, ás 16:30 horas, coa mesa redonda “novos camiños para a poesía”, a cargo de Andrea Jamardo (revista Ligeia), Anxos Rial (mestra e mediadora de lectura) e a poeta Celia Parra.
Ás 18:30h. Cinta Adhesiva ofreceu unha magnífica actuación-performance para pechar a xornada do xoves.
O venres 16 de novembro, iniciouse a segunda xornada do simposio, ás 10:00h. coa mesa redonda “Canles de visualización” con Quico Valeiras, da libraría Chan da Pólvora, Nuria Vil e Lara Dopazo.
A xornada rematou co recital poético, ás 12:00h. a cargo de Emma Pedreira, María Lado e Movemarcos (Leo e Xubín) e con Antonio García Teijeiro, quen se encargou da conferencia de peche das xornadas (ás 13:00 horas).
Conferencias XV Simposio: canle youtube AGE