Presentación en rolda de prensa do XV Simposio O libro e a lectura: Poesía, a luz apagada?
- O 13/11/2018
Henrique Alvarellos, vicepresidente da AGE, acompañado por Manuel Dios, concelleiro de Educación e Cidadanía, do Concello de Santiago presentaron en rolda de prensa, esta mañá, a edición XV do Simposio O libro e a lectura.
«Poesía, a luz apagada?», será o lema desta XV edición do evento que a Asociación Galega de Editoras e o concello de Santiago celebrarán en Compostela, no auditorio do Consello da Cultura Galega (Pazo de Raxoi, s/n) na mañá e tarde do xoves 15 de novembro e durante a mañá do venres, 16 de novembro, en colaboración con Cedro e a Xunta de Galicia.
Henrique Alvarellos presentou o programa do simposio, que reúne a diferentes expertos e promotores da edición e difusion da poesía coa finalidade de ofrecer formación sobre o tema ao sector e ao público en xeral. Trátase dun encontro profesional onde se conversará, debaterá e reflexionará sobre a edición e visibilidade do xénero da poesía a través de diversas canles e experiencias.
Dúas conferencias, dúas mesas redondas, un panel de experiencias, unha actuación-performance e un recital poético vertebran un programa que se inicia o xoves 15 de novembro, ás 10:00 horas. Yolanda Castaño encargarase da conferencia de apertura. Seguiralle, o panel de experiencias “da edición á creación”, con Paz Castro, Antía Otero, Isaac Xubín e Leire Bilbao (12:30 horas).
As sesións continúan na tarde do xoves 15 de novembro, ás 16:30 horas, coa mesa redonda “novos camiños para a poesía”, a cargo de Marcus Daniel Cabada (revista Ligeia), Anxos Rial (mestra e mediadora de lectura) e a poeta Celia Parra.
Ás 18:30h. Cinta Adhesiva ofrecerá unha actuación-performance para pechar a xornada do xoves.
O venres 16 de novembro, iniciarase a segunda xornada do simposio, ás 10:00h. coa mesa redonda “Canles de visualización” con Quico Valeiras, da libraría Chan da Pólvora, Nuria Vil e Lara Dopazo.
Seguiralle o recital poético, ás 12:00h. a cargo de Emma Pedreira, María Lado e Movemarcos (Leo e Xubín)
Finalmente, Antonio García Teijeiro, encargarase da conferencia de peche das xornadas (ás 13:00 horas).
As sesións do XV Simposio da AGE están abertas ao público ata completar aforo.
MÁIS INFORMACIÓN:
Asociación Galega de Editoras
s.tecnica@editorasgalegas.gal
tel. 881 81 72 64 – 609 83 15 11