Programación de Kalandraka Editora na Feira do Libro da Coruña
- O 01/08/2017
Comeza a Feira do Libro da Coruña, que se celebrará como cada ano do 1 ao 10 de agosto nos Xardíns de Méndez Núñez.
Nesta ocasión, KALANDRAKA ten programadas varias actividades, comezando pola presentación de UN MÁIS, o novo álbum ilustrado da mestra e contacontos Olalla González e do ilustrador Marc Taeger: xoves día 3 ás 18:00 horas, na carpa da Feira. Dirixido a nenas e nenos a partir de 4 anos, trátase dunha tenra, fermosa e divertida historia sobre a chegada dun novo irmán ou irmá á familia dun pequeño coello. Agardando con impaciencia polo feliz momento do nacemento, o protagonista vai compartindo a boa nova con todos os habitantes do bosque. Olalla González e Marc Taeger, que tamén son autores da adaptación do conto tradicional “Garavanciño”, contarán esta nova historia a través das palabras e das imaxes.
O poeta afincado na Coruña Cesáreo Sánchez Iglesias volverá atoparse co público para compartir versos e impresións da súa nova obra, TEMPO TRANSFIGURADO, publicado na colección Tambo do selo Faktoría K. As súas composicións, coa música como fío condutor, teñen un fondo pouso sentimental vencellado ao amor e á ausencia. A cita cos lectores será o venres 4 dende as 20:00 horas na caseta da Libraría Cartabón.
Tamén celebraremos a recente publicación do primeiro poemario de Clara López, ilustrado por Marcos Viso: OS DÍAS LEBRE. Os autores asinarán exemplares na caseta da Libraría Cartabón o sábado 5 a partir das 20:00 horas. As páxinas deste libro para lectoras e lectores a partir de 9 anos destacan polo seu ton lúdico e do orixinal enfoque sobre o pulso da vida cotiá.