Os Premios Xerais 2022 chegan ás librarías
- O 04/11/2022
- As obras recoñecidas cos Premios Xerais 2022 chegan ás librarías. A aditiva novela de María Solar, o enredo con contido filosófico de Rocío Leira e a divertida poesía de Anxo Iglesias xa están á venda.
XXXIX Premio Xerais de Novela
Cada seis meses, coma un cravo, os empregados dunha pequena sucursal bancaria reciben a visita desagradable da señora Gondar, unha muller de aspecto miserable e cun fedor corporal insoportable que controla ata o mínimo detalle as súas contas millonarias. Amanda, unha novísima empregada da oficina, aténdea unha soa vez. Un mes despois do encontro, a señora Gondar falece e Amanda convértese inesperadamente na súa única herdeira. A moza, xunto co seu amante xornalista, Enric, comeza unha investigación sobre a identidade da anciá e descobre a historia vital que uniu de por vida a dúas mulleres poderosas: os terribles segredos que as devoran, as culpas que as perseguen e a tóxica relación entre elas que remata nun final perturbador. Amanda non só herdou unha fortuna, tamén herdou unha culpa. Con esta novela, María Solar mergúllanos nunha narrativa na que non podemos tomar alento ata desvelar por completo esta historia de dominación, tolemia e morte onde a culpa é omnipresente.
Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil (+13)
«Búscase persoa curiosa para resolver crime que aínda non se cometeu». A aparición desta mensaxe na sección de anuncios por palabras dun xornal esperta a atención de Erundino Terrón, un filósofo solitario e rosmón. Xunto coa súa secretaria Irma, verase inmerso nunha investigación contra o reloxo que o levará a desentrañar as mensaxes cifradas que chegan cada mañá nas páxinas do diario. Unha investigación chea de humor e intriga que che descubrirá a cara máis sorprendente da filosofía e na que, buscando respostas, tan só atoparás preguntas.
Unha nova dimensión, Anxo Iglesias
Premio Merlín de Literatura Infantil (+9)
Ilustrado por María Montes
A partir do concepto xeométrico de dimensión artéllase este delicioso libro de poemas onde prima a compoñente lúdica e imaxinativa que conecta directamente co mundo da infancia. A poesía entendida como xogo. A poesía entendida como fonte de diversión. A poesía reivindicada, ademais, como unha dimensión con entidade propia. Ler Unha nova dimensión é asistir a un festival de creatividade. É un estímulo para a imaxinación!
Máis info.: xerais.gal