
17 de maio, Día das Letras Galegas, conmemora a figura de Fernández del Riego
- O 17/05/2023
Francisco Fernández del Riego (Lourenzá, 1913 – Vigo, 2010) a quen se dedica este ano o Día das Letras Galegas, foi unha das personalidades de referencia na historia do galeguismo e da cultura galega do século XX. Secretario xeral das Mocidades Galeguistas durante a República, foi un dos fundadores de Editorial Galaxia, da que foi director xerente, e director, xunto a Ramón Piñeiro, da revista Grial nos seus primeiros cen números.
Ensaísta e narrador, é autor dunha extensa con obras como Escolma de poesía galega: os contemporáneos (1955), abranguendo xéneros como a crítica literaria, Manual de historia da literatura galega (1971), a novela, O cego de Pumardedón (1992), e as memorias, A xeración Galaxia (1996), O río do tempo (1991), Camiño andado (2003), ademais de gran cantidade de artigos en prensa. Presidiu a Real Academia Galega (1997-2001) e foi director da Fundación Penzol desde a súa creación (1963-2009).
Propostas das editoras galegas para celebrar a figura de Fernández del Riego
Galaxia, a editorial da que Fernández del Riego foi un dos fundadores, publica máis dunha ducia de volumes escritos polo homenaxeado ou dedicados a el, entre eles dous títulos inéditos da súa autoría: o Diario da guerra e Memoria do París literario.
A editorial Galaxia edita o álbum de banda deseñada, Don Paco, o home que valía por mil, escrito por Antón Mascato e ilustrado por Pepe Carreiro.
Galaxia reedita as memorias de Francisco Fernández del Riego Camiño andado e O río do tempo. Unha historia vivida, e o volume A xeración Galaxia, editado por primeira vez en 1996.
Lourenzá, onde o autor rende homenaxe á súa terra natal; e Con Pondal en Bergantiños, un achegamento persoal á vida e á obra do bardo.
Compostela, póla florida, unha selección de fragmentos da obra de Del Riego nos que Compostela é a protagonista.
Galaxia presenta Francisco Fernández del Riego, un loitador pola idea de Galicia, biografía asinada por Malores Villanueva.
Loitando pola Galicia que non foi, edición de Justo Beramendi, recompila a produción do mozo Francisco Fernández del Riego —que nalgunha ocasión clasificou como pertencente á xeración “dos primeiros nativos nacionalistas”—, polo xeral moi descoñecida, cun exhaustivo estudo introdutorio onde procura describir e analizar a súa ideoloxía, produción en prensa e actuacións políticas e culturais dende a súa incorporación ao nacionalismo galego en 1931, con só dezaoito anos, até o inicio da Guerra Civil.
Catálogo de novidades de Don Paco na web de Galaxia
Alvarellos Editora propón a fotobiografía De Compostela ao exilio interior: Francisco Fernández del Riego, de Antón Mascato.
Xerais, presenta un catálogo coas propostas para conmemorar a figura do homenaxeado: Conversas con Paco del Riego, de Perfecto Conde, editadas por primeira vez en 2018, presenta Francisco Fernández del Riego. Vida e obra dun obreiro do galeguismo, do académico correspondente Ramón Nicolás; e mais Francisco Fernández del Riego.
Galicia, a obra na que Del Riego propón unha viaxe en doce itinerarios ou peregrinacións co fío argumental que lle brindan uns amigos bretóns que veñen visitar o noso país.
O legado silandeiro, unha biografía para dar a coñecer a figura do homenaxeado ao público máis novo, asinada por Héctor Cajaraville.
Hércules de Ediciones súmase á celebración con Paco del Riego, un home irrepetible, un volume con unidades didácticas a cargo de Blanca-Ana Roig Rechou.
AUDIOVISUAL FERNÁNDEZ DEL RIEGO, COA MIRA NO PORVIR
Fernández del Riego, coa mira no porvir, a curta documental elaborada por Illa Bufarda para a Asociación Galega de Editoras -en colaboración coa Xunta de Galicia e GADIS-, para a Noite da Edición de 2013 celebrada en Vigo.
Trátase dunha peza audiovisual na que se honra a súa persoa e todo o seu traballo realizado sempre en prol da cultura galega. Con teima, ata os últimos pasos da andaina, sempre tendo na mira o porvir da lingua. Exemplo de defensa da máis valiosa parte dunha herdanza, a defensa constante do noso idioma.