
32 anos da fundación de Edicións Laiovento
- O 15/12/2022
O 17 de decembro de 1990, en Pontevedra, na notaría de César Cunqueiro, Edicións Laiovento foi fundada por Xosé Manuel Beiras, Manuel González Millares, Xesús Couceiro, Afonso Ribas Fraga, Pepe Carreiro e Francisco Pillado. A este último débese o nome da editora, que procede da peza teatral de Ramón Otero Pedraio “Vento nocturno”, onde un vello fidalgo poeta vive no «Pazo de Laiovento».
Entre os obxectivos fundacionais de Edicións Laiovento ˗que seguen a ser hoxe os seus principais guieiros˗ estivo o de ser un espazo de liberdade no sector editorial galego, especialmente no que toca á cuestión normativa do galego. Un segundo obxectivo foi a atención preferente a publicacións de tipo teórico, a dedicación ao ensaio de calidade. Desde o seu nacemento Laiovento prestou ademais unha especial atención á tradución, procurando verter ao galego as obras fundamentais da literatura universal, e contribuír deste xeito á normalización da lingua galega e o seu sistema literario. Finalmente, outro dos trazos que definiron a biografía editorial de Laiovento foi a publicación de textos teatrais, dando espazos de publicación á literatura dramática galega.
Foto de E. Lavandeira: Manuel Glz. Millares, Suso Couceiro, Francisco Pillado, Afonso Ribas Fraga, Xosé M. Beiras e Pepe Carreiro.