
70 anos da Editorial Galaxia, decana das editoras galegas
- O 24/07/2020
Santiago de Compostela, 24 de xullo de 2020.- A Editorial Galaxia conmemora os seus 70 anos de vida. O 25 de xullo de 1950 celebrouse no hotel Compostela, en Santiago, a Asemblea fundacional da Editorial Galaxia. Baixo a presidencia de Ramón Otero Pedraio, o Patriarca das Letras, e coa presenza de personalidades destacadas do galeguismo, como Manuel Gómez Román, secretario do Partido Galeguista, configurábase daquela o núcleo principal da resistencia cultural e política do galeguismo, obrigado á clandestinidade e ao exilio despois da Guerra Civil (1936). Francisco Fernández del Riego, Xaime Isla Couto e Ramón Piñeiro foron as tres personalidades que dende o primeiro momento orientaron a editorial, comprometida coa recuperación da lingua e da cultura galegas, nos tempos difíciles da ditadura.
Hoxe, o proxecto inicial da Editorial Galaxia mantense, adaptándose aos novos tempos ao integrar novos formatos e ofrecendo contidos dirixidos a un público infantil e xuvenil.
A revista Grial publica un número dobre centrado nos 70 anos da Editorial Galaxia
A revista Grial rende homenaxe á súa casa editora cun número dobre dispoñible estes días nas librarías para conmemorar estes setenta anos de vida que se cumpren mañá, 25 de xullo.