
A AGE ASUME A XESTIÓN DA SÚA PARTICIPACIÓN NAS FEIRAS INTERNACIONAIS DO LIBRO DE 2022
- O 22/02/2022
- Levará o seu propio stand ao Liber (Barcelona, 5-7 outubro); contará tamén cun espazo propio en Frankfurt (19 ao 23 outubro) dentro do stand da Federación de Gremios de Editores de España. E non asistirá este ano á Feira de Boloña (21-24 marzo) pola situación da pandemia.
- O gremio galego de editoras tomou esta decisión despois de anos reclamando, infrutuosamente, á Xunta de Galicia un cambio de modelo na presenza nestas Feiras.
Santiago de Compostela, 22 de febreiro de 2022.- A Asociación Galega de Editoras (AGE), que integra a 42 empresas galegas (o 90% da facturación do sector) decidiu asumir a xestión da súa participación nas Feiras Internacionais do Libro para este ano 2022. Deste xeito, montará o seu propio stand na Liber (Barcelona, 5-7 outubro); en canto a Frankfurt (19 ao 23 outubro, este ano, con España como cultura convidada) contará cun espazo propio dentro do stand da Federación de Gremios de Editores de España; e non asistirá á Feira do Libro de Boloña (21-24 marzo) pola situación pandémica en Italia, que permanecerá en estado de emerxencia ata o 31 de marzo, e que repercute na baixa participación das editoras galegas na feira.
Esta decisión tomouna a AGE despois de moitos anos reclamando á Xunta de Galicia un cambio no modelo de xestión na participación por parte do sector editorial galego nas feiras internacionais do libro, e ante a negativa reiterada da Consellería de Cultura, que non permite que sexa a Asociación quen xestione a súa propia presenza. O caso galego é insólito no sector, pois son os gremios de editores do Estado, e tamén a nivel internacional, quen xestionan os seus stands nestas feiras de marcado carácter profesional.
A AGE defende o carácter estritamente profesional do stand, xestionado directamente pola Asociación, para poder desenvolver nel, dun xeito eficaz e produtivo, as relacións comerciais de compra-venda de dereitos e os contactos internacionais habituais entre editoras, autores/as e distribuidoras, que son basicamente as accións profesionais que se desenvolven neste tipo de eventos.
- foto feiras xeral
- stand AGE feria Boloña en 2018