
A AGE comparte a preocupación da Federación de Librarías de Galicia a respecto da campaña de libro de texto
- O 20/05/2020
Santiago de Compostela, 20 de maio de 2020.- A Asociación Galega de Editoras comparte a preocupación da Federación de Librarías de Galicia a respecto da difícil situación de moitas librarías e do que supón para todas elas a campaña de libro de texto. Desde a AGE compartímola e asumímola, pois moitas editoras tamén están a pasar serias dificultades por mor da situación actual.
Por iso apoiamos tamén a recomendación que a propia Consellería de Educación, na redacción da Orde de adquisición, lles transmite aos centros educativos para xestionaren os pedidos de libros a través das librarías de proximidade, de xeito que o modelo de adquisición mediante o fondo solidario non sexa prexudicial para as librarías (librarías/establecementos da zona de referencia do centro educativo) que, en definitiva, son o punto de visibilización e venda do libro galego, e tamén de dinamización da cultura galega, e sen elas a actividade cultural veríase alterada.