A AGE regresa á LIBER con stand propio e coa participación de doce editoras
- O 27/09/2024
- Barcelona acolle a 42ª edición da feira internacional do libro, LIBER, do 1 ao 3 de outubro
- A Asociación Galega de Editoras estará presente na feira profesional LIBER cos seus propios medios e coa colaboración de CEDRO e a Fundación Xistral
- Espazo Lectura, premio LIBER á mellor iniciativa de fomento da lectura en bibliotecas abertas ao público
Santiago de Compostela, 27 de outubro de 2024.- Barcelona acolle a celebración da 42ª edición de LIBER, Feira Internacional do Libro, organizada por FIRA BARCELONA e promovida pola Federación de Gremios de Editores de España –FGEE-, do 1 ao 3 de outubro no Recinto Gran Vía. Con máis de catro décadas de traxectoria, a destacada presenza das empresas editoras líderes consolidou esta feira como a primeira mostra dedicada ao libro en castelán, e como principal centro de negocio e intercambio profesional do sector.
Por terceiro ano consecutivo, de novo sen acordo coa Xunta de Galicia, a Asociación Galega de Editoras estará presente esta semana -do 1 ao 3 de outubro- na feira profesional LIBER cos seus propios medios e coa axuda de CEDRO e a Fundación Xistral. As editoras galegas Xerais, Alvarellos Editora, Kalandraka, Ediciones del Viento, Galaxia, Patas de peixe, Cuarto de Inverno, Laiovento, Hércules de Ediciones, Triqueta Verde, Edicións do Cumio e Creotz Ediciones confirmaron a súa presenza e desenvolverán a axenda e misión comercial dentro do stand da AGE. Colex, Kalandraka, Edebé (Rodeira), Anaya (Xerais) e Santillana (Obradoiro/Oqueleo) participan tamén con stand propio.
No tocante ás participacións agrupadas, ademais da Asociación Galega de Editoras, participarán o Gremi d’Editors de Catalunya, a Asociación de Editores de Madrid, o Gremio de Editores de Euskadi, a Asociación de Editores de Andalucía, a Associació d’Editorials do País Valenciá e o Gremio de Editores de Castela e León, entre outras.
ESPAZO LECTURA, PREMIO LIBER Á MELLOR INICIATIVA DE FOMENTO DA LECTURA EN BIBLIOTECAS ABERTAS AO PÚBLICO
Por proposta da Asociación Galega de Editoras, a xunta directiva da Federación de Gremios de Editores de España (FGEE) -da que forma parte a AGE- acordou outorgar o Premio LIBER 2024, na categoría á mellor iniciativa de fomento da lectura en bibliotecas abertas ao público, a Espazo Lectura. Con este galardón preténdese destacar o seu apoio permanente ao fomento da lectura a través dun conxunto de actividades nas que o libro sempre está presente, así como o seu traballo para sumar e xuntar forzas con todas as institucións e administracións, independentemente da súa cor color política, e os centros educativos. Na súa decisión, a FGEE valorou o traballo modélico e voluntario que desenvolve Espazo Lectura, desde 2006, “un labor que debería estenderse a todo o territorio estatal, instalándose como un claro exemplo a seguir. Promover o hábito da lectura resulta fundamental, por un lado, para mellorar os resultados educativos e, polo outro, para ter unha cidadanía máis preparada, crítica e consciente da súa contorna”. Os Premios LIBER celebraranse o 2 de outubro no Museu Nacional d’Art de Catalunya (MNAC) no marco das actividades de LIBER 2024.
A Feira Internacional LIBER, xunto coa Federación de Gremios de Editores de España, contará coa presenza de máis de 650 compradoras/es e prescritoras/es estratéxicas, provenientes de 64 países.
Imaxe: stand da AGE na LIBER 23, en Madrid/logo Espazo Lectura