A Asociación Galega de Editoras participa no Forum internacional “Tuti il libri del mondo”, en Alghero (Cerdeña)
- O 15/09/2021
Organizado e promovido pola Asociación de Editores Sardos celebrarase o 17 de setembro, no marco do Forum nazionale sull’editoria regionale.
• O gremio galego de editoras estará dobremente representado este venres en Cerdeña, onde intervirán o presidente de AGE, Henrique Alvarellos, e a secretaria técnica da Asociación, Silvia Bello.
• A promoción da lectura e o reto da internacionalización da edición en galego serán os temas que desenvolverá a representación galega foro internacional da edición.
Santiago de Compostela, 15 de setembro de 2021.- A Asociación Galega de Editoras participa na 2ª edición do Forum internacional “Tuti il libri del mondo” que organiza e promove a Associazione di Editori Sardi (AES), o 17 de setembro, en Alghero (Cerdeña). O forum enmárcase dentro da xornada que o gremio sardo iniciou no mes de xullo, Mediterranea: Culture, Scambi, Passaggi, na que participaron editoras e escritores sardos.
O programa contará con intervencións e mesas redondas e desenvolverase o 17 de setembro, en Alghero, en sesións de mañá e de tarde.
A sesión da mañá abrirá coa intervención de Simonetta Castia, presidenta da Asociación de Editores de Cerdeña e do Grupo Rexional ADEI con Libros e pluralidade. Unha unión inseparable e seguirá a ponencia Edición de libros e territorio, a cargo de Gianluca Lioni, portavoz do Ministerio de Cultura italiano.
Promozione de la lettura e editoria indipendente. Il modele dei territori. Quali soluzioni? ( A promoción da lectura e as editoriais independentes. O modelo dos territorios. ¿Cal é a solución?), será a mesa redonda que peche a sesión da mañá, na que participa Silvia Bello, a secretaria técnica da Asociación Galega de Editoras. A mesa contará, ademais da representante da AGE, con distintas asociacións de editoriais independentes como a Asociación de Editores de Valencia, e as asociacións de editores das rexións italianas de Sicilia, Véneto, Apulia , As Marcas, Friul e Campania.
A sesión da tarde, que inicia ás 5 da tarde, abre a segunda parte do extenso programa, conta con senllas intervencións moderadas por Isabella Ferretti: O papel de ADEI no crecemento das publicacións independentes, a cargo de Marco Zapparoli, Presidente da Asociación de Editores Independentes; o Salón do Libro e a relación co territorio, por Marco Pautasso, Director adxunto do Salón Internacional do Libro; A rede do libro e os pactos pola lectura. Dinámicas e estratexias, a cargo de Angelo Piero Cappello, director do Centro do Libro e da Lectura; As publicacións, culturas locais e as bibliotecas, por Gilberto Floriani, director do Sistema de Bibliotecas Vibonesas; Cooperación e territorio. O papel da cultura, a cargo de Cleophas Adrien Dioma, Presidente de Ass. Le Réseau. e director Artístico do Festival Africano de Outubro.
Continuando coa sesión da tarde, xa na terceira parte do programa, destaca a ponencia a cargo de Della Passarelli, de Sinnos Editrice e vicepresidenta de lbby ltalia: Publicación de proxectos, sostibilidade e futuro. A experiencia de Sinnos e lbby Italia.
A continuación, é a quenda da análise dos modelos galego, catalán e valenciano. Abre as intervencións Gustau Navarro, representante da sede en Alghero da Generalitat de Catalunya, coa ponencia ldentidade e unidade cultural. O caso de Cataluña, seguido da intervención da presidenta da Associació d’Editorials del Pais Valencià, África Ramírez Olmos: Editar desde o País Valencià. O presidente da AGE, Henrique Alvarellos, ofrecerá (en remoto) a ponencia Os retos da edición en galego: conectar co mundo a través da identidade.
A continuación, e previa ás conclusións da xornada, pecharán esta terceira parte do programa Aldo Addis, vicepresidente da Asociación Italiana de Librarías, con A Escola Italiana de Librarías. Un modelo para a promoción da lectura. A seguir, Libros de cero km? A xestión de valores estranxeiros desde e cara Italia, a cargo de Ariase Barrena, da Universidade Complutense de Madrid, e a ponencia Feiras e edición independente. O exemplo de Book Pride, por lsabella Ferretti, vicepresidenta de ADEI.
Aposta pola proxección internacional
A Asociación Galega de Editoras aposta pola proxección internacional e colabora estreitamente coa Asociación de Editores Sardos. Desde 2018 participa nos encontros de intercambio de dereitos, foros, etc. promovidos e organizados pola AES. A colaboración e diálogo con outros mercados e culturas, e entre entidades de editoras independentes en lingua propia, é unha das prioridades da AGE para promover a edición en galego a nivel internacional.
__
A Asociación Galega de Editoras participa nestas xornadas grazas á colaboración da Xunta de Galicia, a través do convenio anual para desenvolver as actividades da entidade en 2021.