
A ASOCIACIÓN GALEGA DE EDITORAS REGRESA DE LIBER E FRANKFURT CUN BALANCE POSITIVO, E LAMENTA A FALTA DE APOIO POR PARTE DA XUNTA DE GALICIA
- O 25/10/2022
- A Asociación Galega de Editoras participou, cunha intensa actividade, nas feiras LIBER e Frankfurt con stand propio, para acoller un total de 13 editoriais asociadas desprazadas en misión comercial
- A AGE lamenta a falta de apoio da Xunta de Galicia nas feiras internacionais do libro, a diferenza de como actúan as demais administracións cos gremios e asociacións de editoriais no mundo; son os gremios os que xestionan o seu espazo nestes eventos profesionais
Santiago de Compostela, 25 de outubro de 2022.- A Asociación Galega de Editoras regresa das feiras internacionais do libro, LIBER e Frankfurt, facendo un balance moi positivo do traballo e dos acordos realizados polas 13 editoriais desprazadas en misión comercial, malia que lamenta a falta de apoio por parte da Xunta de Galicia. En ningunha das dúas feiras a AGE puido contar co apoio da Administración Galega, a diferenza do trato que reciben todos os gremios e asociacións nacionais e internacionais do sector do libro por parte das súas administracións, tanto para desenvolver a súa actividade como para a xestión do seu propio espazo nestas feiras de marcado carácter profesional. Un caso insólito, xa que a Xunta de Galicia, en vez de apoiar a xestión da AGE cun espazo profesional, preferiu participar e actuar de modo paralelo nestas feiras, duplicando a presenza galega con outro stand, sen actividade, xestionado por persoal alleo ao sector, e que supón un gasto extraordinario de fondos públicos. A pesar desta grave situación, a Asociación Galega de Editoras segue aberta ao diálogo, aínda que nestes momentos parece inexistente a figura dun interlocutor que ofreza unha solución a este permanente conflito.
PRESENZA GALEGA NO PROGRAMA DE ACTIVIDADES DA FEIRA LIBER
A Asociación Galega de Editoras participou un ano máis na Feira Internacional do Libro LIBER, do 5 ao 7 de outubro, en Barcelona. A AGE contou con stand propio, posto a disposición das editoriais asociadas desprazadas á feira en misión comercial para desenvolver a súa axenda de traballo e presentar unha selección de novidades do seu fondo bibliográfico: Hércules de Ediciones, Edicións Positivas, Alvarellos Editora, Kalandraka, Baía Edicións, Editorial Galaxia, Xerais, Ediciones del Viento, Triqueta Verde, Edicións do Cumio, Edicións Embora, Editorial Bululú, Tulipa Editora.
A AGE distribuíu no seu espazo exemplares do catálogo para venda de dereitos que deseñou para levar á feira internacional do libro de Frankfurt, e estivo a disposición para a súa consulta no perfil de expositor da AGE na LIBER. O catálogo contén unha selección de títulos de libro ilustrado, literatura para adultos, cómic, LIX, ensaio, teatro e poesía das editoriais: Hércules de Ediciones, Edicións Positivas, Alvarellos Editora, Kalandraka, Baía Edicións, Editorial Galaxia, Xerais, Ediciones del Viento, Triqueta Verde, Edicións do Cumio, Edicións Embora e Editorial Bululú.
A tradutora María Alonso Seisdedos e Xosé Ballesteros, director de Kalandraka, participaron no programa de actividades da LIBER. Na xornada do venres, 7 de outubro, María Alonso Seisdedos compartiu a mesa redonda “1922, el año mágico: Joyce, Woolf, Proust” con Valèria Gaillard, tradutora ao catalán; Itziar Hernández Rodilla, tradutora ao castelán. Organizada por ACE Traductores e moderada pola tradutora e profesora da UAB, Ana Alcaina.
Tamén se celebrou a mesa redonda “La librería sin librerías: sobrevivir al cambio digital” coa presenza do director de Kalandraka, Xosé Ballesteros. Foi organizada por PublishNews e moderada por Antonio Martín, fundador de PublishNews, Cálamo&Cran e divulgador.
INTENSA ACTIVIDADE DA AGE, CON DOCE EDITORIAIS PRESENTES, NA FEIRA DE FRANKFURT
A Asociación Galega de Editoras desprazouse á Feira Internacional do Libro de Frankfurt, a máis importante do mundo, e que se celebrou nesta cidade alemá entre o 19 e o 23 de outubro, e que este ano tivo a España como Convidada de Honra. A Asociación Galega de Editoras participou cun espazo propio dentro do stand da Federación de Gremios de Editores de España, coa colaboración de CEDRO, no que doce editoriais desenvolveron unha intensa axenda e programa de actividades profesionais: Alvarellos Editora, Baía Edicións, Kalandraka, Galaxia, Hércules de Ediciones, Xerais, Positivas, Laiovento, Triqueta Verde, Edicións do Cumio, Ediciones del Viento, e a distribuidora Arnoia.
A AGE elaborou o catálogo “Galician Books”, específico para esta Feira, cunha selección de 90 títulos de libro ilustrado, literatura para adultos, cómic, LIX, ensaio, teatro e poesía de doce editoras: Hércules de Ediciones, Edicións Positivas, Alvarellos Editora, Kalandraka, Baía Edicións, Editorial Galaxia, Xerais, Ediciones del Viento, Triqueta Verde, Edicións do Cumio, Edicións Embora e Editorial Bululú.
A AGE participou na mesa Editar en catalán, éuscaro e galego, coorganizada pola Associació d’Editors en Llengua Catalana, a Associació d’Editorials del País Valencià, Euskal Editoreen Elkartea (Asociación de Editores en Lingua Vasca), o Gremio de Editores de Euskadi, e a Asociación Galega de Editoras, para poñer en valor a edición nas demais linguas do Estado. Nela participaron o director xeral do Gremi d’Editors, Pep Lafarga; Henrique Alvarellos Casas (presidente da AGE ), Carmen Elvira Balsalobre (presidenta do gremio vasco), Àfrica Ramírez Olmos (presidenta do gremio de editores valenciano); moderada por Laura R. Herrera (Hércules de Ediciones).
Henrique Alvarellos, presidente da AGE, conversou co autor Xesús Fraga, Premio Nacional de Narrativa 2021, arredor da obra Virtudes (e Misterios), editado pola Editorial Galaxia, gañadora do Premio Nacional do Libro de Narrativa 2021
«UNHA EDICIÓN PODEROSA», LEMA DO VÍDEO PROMOCIONAL QUE A ASOCIACIÓN GALEGA DE EDITORAS PRESENTOU EN FRANKFURT
«Unha edición poderosa» é o lema do vídeo promocional que a Asociación Galega de Editoras presentou no marco da Feira Internacional do Libro de Frankfurt, a cargo da produtora Illa Bufarda. No espazo habilitado na feira para desenvolver as actividades profesionais, un gran número de público acompañou ao presidente da AGE, Henrique Alvarellos e ao escritor, Xesús Fraga, Premio Nacional de Narrativa 2021, na presentación deste audiovisual.
O audiovisual reúne os máis de vinte «Premios Nacionales» da literatura galega logrados nas últimas décadas en todos os xéneros, galardóns concedidos anualmente polo Ministerio de Cultura de España, e que demostran a enorme calidade creativa e editorial de Galicia.
Concibido como unha homenaxe ao Libro, en só noventa segundos aparecen, nesta creación, dende os últimos premiados ata os máis veteranos. Un recoñecemento continuo, dende a década dos 80, ao sistema literario e editorial galego.
A EDITORIAL GALAXIA ORGANIZOU UNHA ACTIVIDADE ARREDOR DA ESCOLA DE LETRAS
A Escola de Letras, impulsada pola Deputación de Pontevedra e a Editorial Galaxia, pioneira en Galicia e unha das poucas existentes no Estado, foi presentada ao sector e aos medios alemáns. No encontro participarán o director xeral de Galaxia, Francisco Castro, a escritora Inma López Silva, e a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva.