A Asociación Galega de Editoras ve inviable a proposta da Xunta para a participación nas feiras internacionais do libro 2023
- O 02/06/2023
• A Xunta esixe un adianto económico á AGE inasumible para a Asociación
Santiago de Compostela, 2 de xuño de 2023.- A Asociación Galega de Editoras participará un ano máis sen o apoio da Xunta de Galicia nas feiras internacionais LIBER e Frankfurt (outubro, 2023). A proposta presentada á AGE por parte da Consellería de Cultura é inviable e inasumible para as editoras galegas, que volverán participar nestas feiras grazas ao autofinanciamento e coa colaboración de CEDRO.
Seguindo os pasos doutros gremios de editores de España, a Asociación Galega de Editoras presentara á Consellería varias opcións para a contratación e xestión dos stands profesionais nas feiras internacionais. Esa proposta inicial da AGE fora, en principio, valorada pola Xunta, quen propuxo asinar un convenio de colaboración, pero o convenio proposto é inasumible para a Asociación Galega de Editoras, quen, de aceptar, afogaría este ano as súas contas.
Por outra banda, a proposta da Xunta chega xustamente cando xa non hai marxe de negociación (malia que hai meses que a AGE trasladara á Consellería a súa proposta), pois estes días péchase o prazo para conseguir unha boa localización do stand nas Feiras.
As empresas interesadas en participar en LIBER e Frankfurt (un total de 15 editoras), ven inviable asinar este convenio por parte da Asociación Galega de Editoras.