
«A EDICIÓN EN LINGUAS MINORIZADAS», LEMA DO SIMPOSIO QUE A ASOCIACIÓN GALEGA DE EDITORAS CELEBRARÁ EN COMPOSTELA O 5 DE NOVEMBRO
- O 30/10/2020
- O simposio O libro e a lectura da Asociación Galega de Editoras acada a súa edición número 17 nun encontro que se vai difundir en streaming desde o auditorio do Consello da Cultura Galega, en Santiago de Compostela (Pazo de Raxoi, s/n) o xoves 5 de novembro.
- Contará coa intervención do presidente da Real Academia Galega, Víctor Freixanes, que impartirá as conferencia de apertura; representantes das editoras galegas independentes, que participarán nunha mesa redonda durante a sesión da mañá e as presidencias dos gremios de Catalunya, Valencia e Euskadi no relatorio da tarde.
- Trátase dun encontro profesional, difundido ao público por streaming, debido á situación sanitaria actual, para reflexionar sobre a edición en linguas minorizadas.
Santiago de Compostela, 30 de outubro de 2020.- “Editar en linguas minorizadas” é o lema do simposio sobre o libro e a lectura que organiza en novembro a Asociación Galega de Editoras, en colaboración con Consello da Cultura e a Dirección Xeral de Políticas Culturais, da Xunta de Galicia.
Difundirase en streaming desde o Auditorio do Consello da Cultura Galega, en Santiago de Compostela, o xoves 5 de novembro. Debido á situación sanitaria non se poderá admitir a entrada de público presencialmente. Este simposio reúne a diferentes representantes das editoras galegas independentes e as presidencias dos gremios e asociacións de editores de Catalunya, Valencia e Euskadi, coa finalidade de reflexionar sobre a edición nas linguas minorizadas. Trátase dun encontro profesional onde se conversará e reflexionará sobre a edición en galego, catalán e o eúscaro.
Unha conferencia, unha mesa redonda e un relatorio vertebran un programa que se celebrará nunha única xornada, o xoves 5 de novembro, ás 10:30 horas. Víctor Freixanes, presidente da Real Academia Galega, encargarase da conferencia de apertura. Seguiralle, a mesa redonda “Edición en galego: a visión das editoriais independentes”, con representantes das editoras galegas Alvarellos, Cuarto de Inverno e Irmás Cartoné (12:30 horas). A sesión da tarde do xoves 5 de novembro, ás 16:30 horas, contará co relatorio “O futuro do sector do libro despois da pandemia. Perspectiva da edición en catalán e en éuscaro”, a cargo de Montse Ayats, de Editorial Eumo e presidenta da Associació d’Editors en Llengua Catalana, África Ramírez, de Balandra Edicións e presidenta da Associació d’Editors del País Valencià e Joxemari Sors, da Editorial Elkar e presidente de Euskal Editoreen Elkartea
Deseño programa e cartaz: Ohmyword
MÁIS INFORMACIÓN:
Asociación Galega de Editoras
s.tecnica@editorasgalegas.gal
tel. 881 81 72 64 – 609 83 15 11