A Editorial Galaxia publica “As malas mulleres”, Premio Blanco Amor 2020, de Marilar Aleixandre
- O 09/03/2021
Estes días chega ás librarías de todo o país a novela gañadora do Premio Blanco Amor 2020, obra de Marilar Aleixandre e titulada As malas mulleres.
A través das páxinas da novela, asistimos a unha dura e apaixonante viaxe polo tramo final do século XIX, nunha historia a varias voces, a de Sisca, de 15 anos, presa por non seren as mulleres donas do seu corpo; as de mulleres como Concepción Arenal, visitadora de prisións; e Juana de Vega, cruciais para entendermos a nosa historia e as do “mudo coro das malas mulleres”, que entoa prantos sobre encontros cos predadores sexuais.
A novela está escrita contra a desmemoria, para recuperar a memoria das excluídas, reclusas no cárcere da Galera, da Coruña, en 1863. Unha atención ás excluídas onde Arenal e Juana de Vega, traballando a prol da dignificación das persoas, foron pioneiras. Asemade é un canto ao papel dos libros e a lectura en mellorar a vida das persoas, en dar esperanza ás desesperadas.
Como é habitual na obra de Marilar Aleixandre, a novela vai enmarcada nun ton poético e, sobre todo, nunha trama ben armada e chea de rexistros literariamente moi potentes.
Marilar Aleixandre pon así nas librarías galegas dúas obras, este Premio Blanco Amor e a asinada con María López Sández, “Movendo os marcos do patriarcado. O pensamento feminista de Emilia Pardo Bazán”.
Narradora, poeta, traductora, Marilar Aleixandre usa o galego como lingua literaria e afirma que ten a lingua partida, pero que non todos os bichos con lingua bífida son perversos. En canto aos libros, di que no fondo son mensaxes escritas con tinta, chuspe ou sangue que guindamos ao baleiro coa esperanza de que alguén os reciba. Afeccionada a recoller palabras descarreiradas, gárdaas entre as liñas de relatos ou poemas.
Desde 2017 na Real Academia Galega, cun discurso sobre Voces termando da paisaxe galega.
Vive en Santiago de Compostela onde escribe e investiga na argumentación e Didáctica da bioloxía. Algúns temas recorrentes nos seus libros son as traizóns, sobre todo as traizóns a un mesmo, a unha mesma e as tortuosas relacións familiares.