
A Gala do Libro Galego 2020 celebrou, en formato virtual, a súa quinta edición
- O 21/11/2020
- Está organizada pola Asociación Galega de Editoras (AGE), a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) e a Federación de Librarías de Galicia (FLG) e premia a excelencia de quince obras publicadas durante 2019, tres traxectorias e concede tres premios honoríficos.
- No seu discurso oficial en nome das tres asociacións, o presidente da AGE, Xosé Ballesteros, destacou a potencia creativa do libro galego ao tempo que demandou das Administracións o seu recoñecemento como ben de primeira necesidade.
Santiago de Compostela, sábado 21 de novembro de 2020. Hoxe ás 12:00 do mediodía celebrouse, en formato desde a canle de Youtube dos Premios, a V Gala do Libro Galego.
Os Premios do Libro Galego están organizados pola Asociación Galega de Editoras (AGE), a Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega (AELG), e a Federación de Librarías de Galicia (FLG), e contaron coa axuda de CEDRO (Centro Español de Derechos Reprográficos), a Xunta de Galicia, o Concello de Santiago e foi así mesmo unha actividade subvencionada pola Deputación da Coruña.
Quico Cadaval conduciu a entrega duns Premios que este ano estiveron marcados pola COVID-19. A situación sanitaria provocou que finalmente a Gala tivese que realizarse en formato virtual, con vídeos pregravados das persoas e entidades galardoadas.
O presidente da AGE, Xosé Ballesteros, foi a persoa encargada de realizar o discurso oficial da Gala, en representación das tres entidades organizadoras. Ballesteros iniciou as súas palabras co agradecemento ás persoas que fixeron posible este evento, lembrando tamén ás persoas falecidas ao longo deste ano, cunha mención especial a Xulio Amigo, director comercial da Editorial Galaxia e membro da directiva da AGE.
Ballesteros trasladou no seu discurso as “moitas preguntas que xorden da situación que estamos a vivir pero tamén temos certezas nestes tempos de incertezas”. Fixo fincapé nos tempos de emerxencia en que vivimos e na necesidade de reinventarnos despois da COVID: “no noso país temos potencia creativa abondo: velaí, como mostra, os Premios Nacionais que concedeu o Ministerio de Cultura español nos últimos anos: poesía, teatro, deseño, ilustración, xornalismo cultural, literatura infantil… Sabemos facer libros: editoras e imprentas galegas destacan nas listaxes de libros mellor editados ano tras ano. Sabemos vender libros: as canles de distribución dende Galiza chegan a calquera punto de venda da Península ibérica e tamén a nivel internacional, e moitos títulos made in Galiza forman parte das compras institucionais para fornecer os sistemas bibliotecarios en México, Chile, Arxentina, Colombia, Perú, Uruguai, etc…
O presidente da AGE lembrou que “a industria do libro galego é un sector estratéxico, segundo se recolle na Lei do Libro: é preciso que, a este recoñecemento, se lle sume tamén o do libro como ben de primeira necesidade”, e reclamou “que as distintas Administracións obren en consecuencia: seguimos a reivindicar que ao sector da cultura se lle dedique o 2% dos orzamentos anuais e que se desenvolvan accións concretas: para a formación dos profesionais das librarías, no apoio da creación nos distintos eidos da escrita, na dotación nas redes de bibliotecas, na internacionalización do libro galego, e na promoción do libro e da lectura”.
Gañadoras na V Gala do Libro Galego
O xurado desta quinta edición estivo formado pola xornalista e poeta Ana Romaní, a profesora Anxos Rial, o escritor Antón Riveiro Coello, a poeta Estíbaliz Espinosa, o editor e profesor Manuel Bragado, a tradutora María Alonso Seisdedos e crítico literario e escritor Ramón Nicolás. Os membros do xurado sinalaron a altísima calidade das obras en concurso, o que dificultou a elección final. Isto certifica o bo momento actual da creación literaria e do mundo do libro galego neste intre particularmente difícil que atravesa a nosa sociedade. Estas foron as gañadoras da V Gala do Libro Galego e os argumentos do xurado:
Ensaio e investigación
Dentro da literatura, de Suso de Toro (Edicións Xerais de Galicia)
Un ensaio literario coa vocación de dar a coñecer os procesos da literatura, escrito desde a lectura e sen renunciar ao exercicio da divulgación do oficio da literatura e das maneiras de ler.
Divulgación
A que cheiran as cores? A esperada guía para coñecer o cerebro, de Juan Casto Rivadulla Fernández (Editorial Galaxia)
O xurado destacou desta obra que explica dun xeito sinxelo e ameno todas as singularidades do cerebro. É un libro que responde á demanda de contar con máis libros de divulgación científica ben editados, ilustrados e en galego, que estean, como este, dirixido a un público moi amplo en idade e intereses.
Narrativa
Seique (2ª ed. ampliada), de Susana Sanches Arins (Através Editora)
O xurado valorou o exercicio da memoria persoal e familiar e a proxección universal da mesma para compoñer un mosaico que se volve innovación estrutural e que o/a lector/a ten que recompor, así como o uso da oralidade na escrita.
Infantil
A tartaruga Amodovou, de Paula Carballeira (Oqueleo)
O xurado salientou a recuperación dun estilo clásico para un xeito innovador na literatura infantil, no que salienta unha riqueza léxica e un xeito de narrar sen convencións que resulta atraínte e singular.
Xuvenil
Os corpos invisibles, de Emma Pedreira (Edicións Xerais de Galicia)
O xurado considerou que era unha narración poderosa, que sobarda o xénero xuvenil. Incorpora moitos referentes femininos para formar con eles un corpo literario que fai rede con escritoras universais. A perspectiva da muller combina na obra cun manexo da forma narrativa.
Libro ilustrado
Irmá paxaro, de Tamara Andrés, ilustracións de María Montes (Cuarto de Inverno)
O xurado destacou a conxunción e harmonía neste libro entre ilustración e texto, unha combinación na que tanto o texto como a imaxe van máis alá de ser complementarios, o que o converte nun libro cunha formulación novidosa.
Libro de banda deseñada
A chaira, de Antonio Seijas (Alita Cómics Editorial)
Escollida por ser unha obra de autor que conta unha historia desacougante, dramática e desconcertante, con paisaxes que semellan pinturas e narración visual potente que combina a imaxe e a mensaxe.
Iniciativa bibliográfica
Castelao. Construtor da nación. Tomo I. 1886-1930, de Miguel Anxo Seixas Seoane (Editorial Galaxia/Consorcio de Santiago)
Para o xurado é unha obra monumental, amplamente documentada e que responde ao traballo dunha vida de investigación, ademais de ser o inicio dun conxunto de tomos imprescindible para a historia de Galicia.
Tradución
Frankenstein ou o Prometeo moderno, de Mary Shelley/Tradución de Samuel Solleiro (Aira Editorial)
O xurado destacou o valor de ser unha tradución que traslada á perfección a lingua do clásico orixinal e que conserva a forza da historia e o ritmo narrativa da novela, recuperando para o galego a forza dos clásicos universais.
Poesía
Feliz Idade, de Olga Novo (Kalandraka Editora)
Destacouse a combinación de situacións vitais da autora, a súa circunstancia e o seu territorio xera neste libro unha serie de imaxe poéticas con moita tenrura e forza, ligadas a unha traxectoria coherente que volve sobre o telúrico, que mantén o pouso literario e incorpora elementos novidosos como a música sen apartarse do seu mundo habitual.
Teatro
Citizen, Grupo Chévere (Kalandraka Editora)
O xurado valorou que unha obra que marcou un antes e un despois nos escenarios galegos teña continuidade nun libro que, como obra escénica, conta unha historia contemporánea sobre a Galicia actual.
Libro mellor editado
Fosforescencias, de Lupe Gómez/Ilustracións de Anxo Pastor (Alvarellos Editora)
O xurado salienta a edición delicada, o emprego e combinación dos materiais e as ilustracións de Anxo Pastor.
PREMIOS ÁS TRAXECTORIAS
Iniciativa cultural ou fomento da lectura
Libraría Chan da Pólvora
Foille outorgado este premio polo ímprobo labor que realizou a favor da poesía e da lectura, converténdose nunha libraría referente en Galicia e nun foco de dinamización arredor da poesía.
Proxecto literario na rede
Kalandraka TV
O xurado valorou a promoción da lectura que realiza esta canle, especialmente nos ámbitos da lectura infantil e xuvenil, con contidos audiovisuais adaptados aos gustos das/os lectores/as máis novos/as.
Xornalismo cultural
María Yáñez
O xurado recoñeceu a traxectoria de compromiso coas novas formas de contar e co uso das ferramentas de comunicación, sumando a tradición xornalística cos medios e plataformas para contalas, e sen deixar de lado os formatos da cultura popular.
PREMIOS HONORÍFICOS
Os premios de honra outorgados no marco da celebración da V Gala do Libro Galego foron:
Premio Honorífico á Edición 2020: Basilio Losada
A Asociación Galega de Editoras recoñece co Premio Honorífico á Edición 2020 ao filólogo, profesor, tradutor, escritor e editor Basilio Losada Castro. Nacido en Láncara (Lugo) en 1930, conseguiu a primeira cátedra de Filoloxía galega e portuguesa na Universitat de Barcelona en 1986 e é autor de máis de 150 traducións en sete linguas. Basilio Losada representa a verdadeira esencia do editor: esa persoa que busca, descobre, crea pontes entre culturas e linguas, e defende a transmisión dos mellores contidos. E todo isto dende a defensa inquebrantable da lingua e da cultura galegas.
Premio Honorífico á Libraría: Brañas Verdes, de Carballo
A Federación de Librarías de Galicia destacou a Ramón Tasende Pombo, da libraría BRAÑAS VERDES de Carballo pola súa traxectoria desde 1981, rexentando a libraría, primeiro Brañas, e tempo despois, Brañas Verdes, libreiro vocacional que traballa polo sector, vinculado un tempo á propia directiva da FLG, presente en numerosas feiras do libro durante varios anos, así como levando o libro e a lectura a outros eventos como feiras de artesanía.
Apoiando ao sector cultural tamén desde outras vertentes como é o caso do cinema, ou do teatro.Con presenza desde hai anos en varios medios de comunicación desde onde fomenta a lectura e o libro galego.
Promotor de varias iniciativas a favor do libro galego, por todo iso, a FLG considera merecedor deste premio honorífico a Ramón Tasende, de librería Brañas Verdes de Carballo.
Escritora Galega Universal: Mariasun Landa, Rentería, Euskadi, 1949
A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) nomeou Mariasun Landa como Escritora Galega Universal 2020, desde o profundo respecto e afecto á súa persoa e a valoración da altísima calidade literaria da súa obra, así como por ter defendido e defender a lingua, a cultura e a dignidade nacional de Euskal Herria.