A gala dos Premios Follas Novas premiará o mellor da literatura galega de 2021
- O 04/05/2022
- A gala será presentada por AldaoLado coa participación do grupo Peña
- Os premios renderán homenaxe ao escritor Xesús Alonso Montero, a libreira Mercedes Corbillón, e a escritora portuguesa Ana Luísa Amaral
Santiago de Compostela, 4 de maio de 2022.- A gala dos Premios Follas Novas do Libro Galego recuperará o seu carácter presencial despois de dous anos de pandemia e volverá a reunir no Teatro Principal de Santiago a unha grande parte do sector literario, editorial e libreiro de Galicia. A gala foi presentada no ambigú do teatro polos representantes das entidades patrocinadoras, Concello de Santiago, Deputación da Coruña, Xunta de Galicia e CEDRO. A gala será emitida por You Tube en directo, e comezará as 19:00h do vindeiro sábado, 7 de maio de 2022.
Os premios Follas Novas pecharán o vindeiro sábado unha nova edición recuperando o carácter presencial anterior á pandemia e ampliando por primeira vez o proceso de selección para seren máis representativos da amplitude, variedade e riqueza da literatura e da produción editorial e libreira do país.
Como sinalou o presidente da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, Cesáreo Sánchez Iglesias “os premios consolídanse cada ano e nesta edición ampliamos o proceso de escolla dos premios ao engadir unha fase máis no proceso de debate e selección.“ Sánchez Iglesias tamén citou durante a súa intervención os tres premiados honoríficos de cada unha das asociacións organizadoras que serán recoñecidos durante a celebración da gala.
Para o presidente da Federación de Librarías de Galicia, Ramón Domínguez, “a fortaleza dos premios Follas Novas é ser un proxecto común de todas asociacións unidas ao libro de Galicia”, e apuntou que máis alá do evento puntual que supón a gala “significa que estamos comprometidos co libro galego, coa súa difusión e coa súa visibilidade”.
Henrique Alvarellos, presidente da Asociación Galega de Editoras “O libro galego é todo un resistente. E estes Premios celebran esa resistencia. Temos un sistema literario que pode presumir de ter en activo máis de 20 Premios Nacionais, e en todos os xéneros. Esta é a nosa forza.” Para Alvarellos é necesario “darlle visibilidade e promoción a este talento e os Premios queren contribuír a demostrar a forza creativa do país”
Anxo Lorenzo, secretario xeral de Cultura, un dos argumentos salientables dos premios é que sexan a suma “de tres premios de cada unha das tres organizacións convocantes”. Lorenzo afondou sinalando que este é “un bo camiño e hai que seguir insistindo nesta idea de sumar e reunir forzas”. Tamén indicou que a gala é unha oportunidade para demostrar “a calidade, a diversidade e o talento da cultura galega”.
A primeira tenente alcalde de Santiago e concelleira de Acción Cultural, Mercedes Rosón, explicou que “o proxecto común que supoñen os Premios Follas Novas debería repetirse noutros ámbitos culturais”. Sinalou que para o Concello de Santiago acoller os Follas Novas “é unha aposta por un sector imprescindible para sociedade, e tamén un apoio para que supere a crise derivada da pandemia”. Rosón lembrou que esta era a primeira gala postpandemia na que se recupera de maneira completa a presencialidade.
A gala dos Premios estará presentada polo AldaoLado coa súa mestura de poesía, humor e música. Tamén formarán parte da festa literaria o trío pontevedrés Peña, gañadores da última edición do premio Narf que organiza a Deputación da Coruña.
Premios honoríficos
Cada unha das tres asociacións organizadoras dos premios entrega na Gala dos Follas Novas os seus premios de honra anuais. Os premios desta edición son para Xesús Alonso Montero, Mercedes Corbillón e Ana Luísa Amaral.
Xesús Alonso Montero (Vigo, 1928), é o Premio Honorífico á Edición da Asociación Galega de Editoras como filólogo, crítico literario, escritor, poeta, sociolingüista e profesor emérito da Universidade de Santiago de Compostela. A AGE considera que Xesús Alonso Montero é unha figura fundamental na resistencia do libro galego durante a “longa noite de pedra” do franquismo e un incansable impulsor do seu novo rexurdimento trala chegada das liberdades.
Mercedes Corbillón é a distinguida co Premio Honorífico que anualmente escolle a Federación de Librarías de Galicia. A responsable de Librería Cronopios de Santiago. Segundo Ramón Domínguez, a escolla de Mercedes Corbillón como premiada débese a que “representa todo o que debe ser unha librería na actualidade tanto por actividades como pola interrelacións que consegue entre quen escribe e quen le”.
A AELG designa todos os anos o/a Escritor/a Galego/a Universal. Este ano, a designación correspondeu a Ana Luís Amaral (Lisboa, 1956), poeta e profesora na Universidade do Porto, con áreas de estudo son as poéticas comparadas, feminismo e estudos queer. Segundo a poeta Marta Dacosta “Amaral é a poeta que contraria a tradición, a que reinterpreta e volve falar dos mitos, das personaxes, das figuras prototípicas. Contraría e ironiza”
Finalistas dos Follas Novas 2022
Ensaio e investigación
Castelao. Construtor da nación. Tomo III. 1940-1950, de Miguel Anxo Seixas Seoane (Editorial Galaxia)
Galiza e feminismo en Emilia Pardo Bazán, de María Pilar García Negro (Alvarellos Editora)
Um país a la gallega. Galiza no No-Do franquista, de Beatriz Busto Miramontes (Através Editora)
Divulgación
H2… Oh!!! Pingas científicas, de María Canosa (Editorial Galaxia)
Pandemias. As epidemias que asolaron a humanidade, de Juan J. Gestal Otero (Edicións Bolanda)
Vermellos e laicos. A represión fascista do maxisterio coruñés, de Narciso de Gabriel (Editorial Galaxia)
Narrativa
As malas mulleres, de Marilar Aleixandre (Editorial Galaxia)
Golpes de luz, de Ledicia Costas (Edicións Xerais de Galicia)
O cervo e a sombra, de Diego Ameixeiras (Edicións Xerais de Galicia)
Infantil
A mestra corremundos, de Arancha Nogueira (ilustrado por Ana Varela) (Cuarto de inverno)
Douche a miña palabra, de Fran Alonso (ilustrado por Bea Gregores) (Edicións Xerais de Galicia)
Neko, de Eva Mejuto (ilustrado por Bea Gregores) (Oqueleo)
Xuvenil
A nena lectora, de Manuel Rivas (ilustrado por Susana Suniaga) (Edicións Xerais de Galicia)
Contos de obxectos, de Xabier P. DoCampo (ilustrado por DNL) (Edicións Xerais de Galicia)
santoamaro, de Antonio Manuel Fraga (Edicións Xerais de Galicia)
Libro ilustrado
A Coruña, por David Pintor (Kalandraka Editora)
Guía definitiva dos anfibios e réptiles da Galiza, por Pancho Lapeña e Ignacio Munilla Soriano (Ourensana)
Nación Mar, por Xosé Iglesias (Editorial Bululú)
Banda deseñada, gráfico e humor
Aldara. A lenda do cervo branco, de Inés Vázquez (Demo Editorial)
Nós seis, de Julia Lago (Deputación da Coruña)
Que tempos!, de Xaquín Marín (Edicións Embora)
Iniciativa bibliográfica
Colección Chave Mestra, VV. AA. (aCentral Folque)
Colección Cidades, de David Pintor (Kalandraka Editora)
Colección Memoria Histórica (Editorial Galaxia)
Obra traducida
Canto eu e a montaña baila, de Irene Solá. Tradución de María Alonso Seisdedos (Kalandraka Editora)
O infinito nun xunco, de Irene Vallejo. Tradución de María López Suárez (Edicións Xerais de Galicia)
O quinto en cuestión, de Robertson Davies. Tradución de Alejandro Tobar (Kalandraka Editora)
Poesía
Notas sobre a extinción, de Marta Dacosta Alonso (Editorial Galaxia)
O que fica fóra, de Manuel Rivas (Apiario)
Simún, de Nuria Vilán (Chan da Pólvora Editora)
Teatro
As desterradas, de Carme Varela (Edicións Xerais de Galicia / Xunta de Galicia)
DFW nas profundidades da tristeza infinita / As cancións que lles cantaban aos cativos, de Raúl Dans (Edicións Laiovento)
Fillos do sol, de Cándido Pazó (Editorial Galaxia)
Libro mellor editado
A Coruña, de David Pintor (Kalandraka Editora)
Intempériome (libro, CD, caderno, caixa), de Xela Arias (Edicións Xerais de Galicia)
O que fica fóra, de Manuel Rivas (Apiario)
PREMIOS A TRAXECTORIAS
Iniciativa cultural ou fomento da lectura
Biblioteca Pública Municipal de Antas de Ulla
Poetas Di(n)versos, por Yolanda Castaño
Premio Internacional Compostela para Álbums Ilustrados
Proxecto literario na rede
A que cheira, papá?
O Arquivo das Trasnas (Instagram), VV. AA.
Surfeando libros (Instagram), de Irene Pérez
Xornalismo cultural
Belén Regueira
Pilar García Rego
Susana Pedreira