A gala dos Premios Follas Novas salientará a importancia da comunidade do libro en Galicia
- O 02/05/2024
- A AGE RENDE HOMENAXE PÓSTUMA A PACO PORRÚA, O EDITOR GALEGO DE CORTÁZAR E GARCÍA MÁRQUEZ
Santiago de Compostela, 2 de maio de 2024. O vindeiro 11 de maio de 2024 terá lugar a xa tradicional gala dos premios Follas Novas do Libro Galego, que serve para poñer remate a unha das actividades máis importante da comunidade libreira en Galicia. Os premios repasan e premia a produción literaria do ano 2023. A gala comezará as 19:00h e estará presentada polo actor Xosé Barato. A celebración foi presentada no ambigú do teatro polos representantes das entidades organizadoras e patrocinadoras, Asociación Galega de Editoras, Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega e a Federación de Librarías de Galicia, co apoio do Concello de Santiago, a Deputación da Coruña, Xunta de Galicia e CEDRO.
A novena edición destes premios queren reivindicar a importancia da comunidade do libro en Galicia, salientando a importancia de cada un dos sectores, autores/as, editoras, librarías e público lector que forman unha ampla comunidade na que se poden contar arredor de 600 autores e autoras, máis de 50 empresas editoras e 150 librarías. Esta edición dos premios tivo como punto de partida un milleiro de títulos e un proceso de selección posterior de cinco meses.
O cumio deste proceso será a gala que se celebrará o vindeiro 11 de maio no Teatro Principal de Santiago. A gala será conducida polo actor Xosé Barato que “xogará” cunha “intelixencia artificial” para facer algo de comedia arredor dun dos desafíos que ten o mundo cultural de cara aos vindeiros anos. A entrada para esta gala é libre, pero é necesario solicitar un convite a este enderezo electrónico: libreiros@librarias.gal.
Francisco Porrúa, Premio Honorífico á Edición
A Asociación Galega de Editoras renderá homenaxe póstuma, na Gala dos Premios Follas Novas do Libro Galego do vindeiro 11 de maio, ao editor e tradutor natural de Corcubión Francisco Porrúa, falecido en Barcelona hai dez anos. Porrúa foi o primeiro editor de Cien años de soledad de García Márquez, de Rayuela de Cortázar ou da poesía de Alejandra Pizarnik, ademais do primeiro tradutor ao español de El señor de los anillos de Tolkien ou das Crónicas Marcianas de Ray Bradbury. Creou o selo Minotauro e viviu en contacto permanente con Galicia, ata o final dos seus días. Viaxarán a Compostela a súa irmá María del Carmen Porrúa, entre outros familiares.
Nota da presentación pública da gala dos Premios e finalistas: www.premiosfollasnovas.gal