A presidencia da AGE continúa na directiva da Federación de Gremios de Editores de España
- O 19/01/2022
- Logo de aprobarse na asemblea xeral da FGEE celebrada en decembro, a renovación da AGE dentro da FGEE foi ratificada hoxe en Xunta Directiva.
- Henrique Alvarellos toma o relevo de Xosé Ballesteros, que ocupou esta responsabilidade durante os dous últimos anos.
- A Asociación Galega de Editoras valora esta decisión como un recoñecemento aos case 40 anos de traballo desta entidade, fundada en 1983.
Santiago de Compostela, 19 de xaneiro de 2022.- A presidencia da Asociación Galega de Editoras, seguirá a formar parte da Xunta Directiva da Federación de Gremios de Editores de España despois da súa entrada en xuño de 2020 da man de Xosé Ballesteros, froito da reivindicación que se viñera facendo nos últimos anos por parte da directiva da AGE. Henrique Alvarellos, actual presidente da AGE, substituirá a Ballesteros na Xunta Directiva, e continuará como membro da asemblea xeral da FGEE xunto con Ana Guerra, vicepresidenta da AGE. Esta decisión foi aprobada en Madrid o pasado mes de decembro na reunión da asemblea xeral da FGEE, ao tempo que se elixiu por unanimidade o novo presidente da Federación, Daniel Fernández.
A Asociación Galega de Editoras valora moi positivamente esta renovación, recibida como un recoñecemento ao traballo desenvolvido pola asociación na defensa e representación do sector editorial galego ao longo dos case 40 anos de existencia, traballo que se seguirá reforzando desde a propia Federación española.
A AGE está formada actualmente por 43 empresas que publican máis do 90% da produción editorial galega.
A Federación de Gremios de Editores de España é unha asociación creada no 1978 para representar e defender os intereses xerais do sector editorial. Actualmente representa aos Gremios de Madrid, Cataluña, Euskadi, Andalucía, Galicia, Valencia e Castela e León, ademais da Asociación Nacional de Editores de Libros e Material de Ensino (ANELE) e a Associació d’Editors en Llengua Catalana (AELLEC)