A situación do libro galego nas librarías centrará o novo Simposio profesional da Asociación Galega de Editoras
- O 03/09/2024
- O simposio O libro e a lectura da Asociación Galega de Editoras acada a súa edición número 21 nun encontro que se vai celebrar na Biblioteca do Consello da Cultura Galega, en Santiago de Compostela, o mércores 18 de setembro, en sesión de mañá.
- Un acto profesional que analizará a visibilidade do libro galego nas librarías e as estratexias de comercialización.
- Contará con representantes da Federación de Librarías de Galicia e de librarías de Euskadi e de Catalunya.
Santiago de Compostela, 03 de setembro de 2024.- O libro galego nas librarías centrará o XXI simposio O libro e a lectura que organiza neste mes de setembro a Asociación Galega de Editoras, en colaboración co Consello da Cultura Galega e a Xunta de Galicia.
A biblioteca do Consello da Cultura Galega (Pazo de Raxoi, s/n), en Santiago de Compostela, acolle este acto profesional de análise e diagnose do libro galego nas librarías de Galicia. Será nun encontro dirixido principalmente a persoal das editoriais e librarías, máis aberto ao público ata completar aforo, o mércores 18 de setembro, nunha única sesión de mañá.
Neste encontro profesional conversarase e reflexionarase sobre a situación e visibilidade do libro galego nas librarías, con exemplos de estratexias de comercialización. Logo da inauguración, prevista para as 10:30 horas, celebrarase ás 11:00 a mesa redonda: o libro galego nas librarías, coa participación de Celia Fernández, secretaria da Federación de Librarías de Galicia; Carlos Blanco, das librarías Nobel e Henrique Alvarellos, presidente da Asociación Galega de Editoras, como moderador.
Ás 12:30, o panel de experiencias: Novas estratexias de comercialización, a cargo de Gexan Sors, das librarías Elkar; Àurea J. Perellò, das librarías Finestres e Mariña de Toro, da libraría Numax de Santiago.
Debido ao aforo limitado é necesario inscribirse no correo s.tecnica@editorasgalegas.gal
Deseño do cartel e programa: Elga Fernández Lamas