
ADELAIDA VIDAL GAÑA O IV PREMIO FINA CASALDERREY
- O 01/06/2023
Reunido o 31 de maio de 2023, na cidade de Santiago de Compostela, o xurado do IV Premio Fina Casalderrey de Literatura Infantil pola Igualdade, acordou por unanimidade concederlle o premio á obra presentada baixo o lema e título E que vai ser?, de Adelaida Vidal, unha historia divertida, contada en verso, que posibilita o diálogo entre a familia e as crianzas nas primeiras idades.
Empregando maxistralmente a linguaxe inclusiva e facendo un hábil uso do humor e a retranca, esta obra fainos reflexionar sobre os estereotipos de xénero que proxectamos nas e nos bebés desde o momento da concepción.
Cun final inesperado, E que vai ser? mantennos ao longo das súas páxinas un sorriso cómplice e esperanzado que nos fai repensar como nos enfrontamos aos estereotipos antes mesmo de nacer e lembra que somos persoas e non tanto xéneros.
O xurado estivo constituído por:
Montse Pena Presas, profesora da USC no Campus de Lugo, escritora, especialista en literatura infanto-xuvenil, crítica literaria en diversos medios de comunicación e colaboradora do programa Diario Cultural da Radio Galega.
Patricia Porto Paderne, educadora social, experta en temas de xénero e responsábel da xerencia da Libraría de Mulleres Lila de Lilith (Santiago de Compostela).
Pilar Sampedro Martínez, diplomada e licenciada en pedagoxía, foi asesora e organizadora das bibliotecas escolares de Galicia, ensaísta e activista cultural, vinculada a Gálix.
Xosé Manuel Lobato, doutor en Filosofía e Ciencias da Educación, licenciado en Pedagoxía e profesor de ensino secundario, investigador de temas de educación e emigración na USC e escritor.
Belén López Vázquez, directora de Baía Edicións.
* * *
Adelaida Vidal (A Coruña, 1986) é titulada superior en arte dramática e graduada en psicoloxía.
No ano 2011 gañou o premio Risco de creación literaria coa novela Olladas, e no 2020 o premio Historias de Mulleres co relato “Ruby Woo”.
Traballou como contacontos e actualmente exerce como psicóloga no ámbito da protección á infancia.