
As editoras galegas regresan ás feiras profesionais LIBER e FRANKFURT
- O 12/10/2021
• Dez empresas editoras galegas asisten en Madrid á 39ª feira LIBER onde promoverán as súas novidades ata o 15 de outubro.
• Cinco editoriais da AGE desprazaranse, do 20 ao 24 de outubro, á feira sectorial máis importante do exterior, que se celebra en Frankfurt.
A promoción da industria editorial de Galicia no exterior é unha das principais liñas de actuación da Asociación Galega de Editoras (AGE). Con esa finalidade, as editoras galegas viaxarán, dentro dun programa de axudas financiado por CEDRO, neste mes de outubro, ás feiras LIBER e Frankfurt. As editoras manterán xuntanzas no stand de Galicia, que a AGE compartirá como co-expositora xunto coa Consellería de Cultura, Educación e Universidades, da Xunta de Galicia, e tamén encontros profesionais do sector máis destacados a nivel internacional, na Feira Internacional do Libro de Frankfurt (Alemaña).
DEZ EDITORAS GALEGAS EN LIBER
A Feira Internacional do Libro, LIBER 2021 volve a Madrid do 13 ao 15 de outubro para seguir sendo o grande escaparate do sector do libro en español. Organizada por IFEMA MADRID e promovida pola Federación de Gremios de Editores de España (FGEE), LIBER, que este ano cumpre a súa 39ª edición, amosará a vitalidade do sector editorial que neste tempo excepcional viu medrar o número de lectoras e lectores ata un máximo histórico no Estado, especialmente durante os peores meses do confinamento pola Covid.
O sector editorial galego participará nesta feira, no stand de Galicia da Consellaría de Cultura, Educación e Universidades da Xunta de Galicia. Nel amosará as súas novidades e manterá acordos e intercambios comerciais
Representantes das editoriais asociadas á AGE, Alvarellos Editora, Hércules de Ediciones, Kalandraka Editora, Baía Edicións, Triqueta Editora, a Editorial Bululú, Edicións do Cumio, Edicións Positivas, e a Editorial Galaxia desprazaranse á feira entre os días 13 e 15 de outubro, dentro dun programa de axudas de CEDRO, e ademais dotarán de novidades o stand de Galicia na feira xunto con Tulipa Editora, Xerais, Bolanda Edicións, Ézaro Ediciones, Aira Editorial e OQO.
Ademais as editoras asociadas Kalandraka Editora e Edicións do Cumio-Arnoia Distribuidora contarán cun espazo propio en Liber.
Durante tres días, o pavillón 14 do Recinto Feiral de IFEMA MADRID, congregará a editoriais, autoría, axentes literarios, distribuidoras, librarías e outros profesionais vinculados co sector. LIBER convértese así no punto de reencontro do sector e no centro fundamental de exportación, vendas e coñecemento para a industria do libro en español nun momento moi necesario para recuperar o pulo comercial nos mercados exteriores.
Ademais dun espazo para o intercambio comercial, LIBER é tamén un punto de encontro para a formación, o debate e a reflexión. A FGEE organizou un amplo programa de actividades de carácter profesional e cultural que reunirá a personalidades do sector editorial e ofrecerá a oportunidade de analizar o futuro do sector do libro.
Guadalaxara, capital do estado mexicano de Jalisco, será unha das grandes protagonistas nesta edición de LIBER como cidade convidada de honra. Con motivo da súa presenza na Feira, preparou un programa de actividades culturais e conferencias de grande interese que achegarán os aspectos históricos e culturais da rexión. Ademais, a cidade foi elixida pola UNESCO “Capital Mundial do Libro” no ano 2022.
PRESENZA EN FRANKFURT: A GRAN CITA MUNDIAL DA EDICIÓN
A gran cita mundial da edición que cada ano reúne a editoriais en Alemaña e que terá nesta ocasión como país convidado a Canadá, celebrarase entre os días 20 e 24 de outubro. Ademais do encontro en Frankfurt dos principais representantes internacionais do sector editorial, a feira alemá converterase un ano máis no principal centro de negocio no exterior para a compra e venda de dereitos, obxectivos fundamentais da delegación das editoras galegas que asistirán á feira: Alvarellos Editora, Kalandraka Editora, Triqueta Editora, Edicións do Cumio e a distribuidora Arnoia, e dotarán o cunha mostra das súas novidades no stand de Galicia xunto coas de Hércules de Ediciones, Baía Edicións, Edicións Xerais de Galicia, Editorial Galaxia, Alvarellos Editora, OQO Editora, Editorial Bululú e Ediciones del Viento.
Máis de 70 protagonistas e unha trintena de encontros compoñen o programa literario de España para a Feira do Libro de Frankfurt 2021
Coincidindo co lanzamento do sitio web España Convidada de Honra na FBM 2022, o Ministerio de Cultura e Deporte, a través da Dirección General del Libro y Fomento de la Lectura, xunto con Acción Cultural Española (AC/E) e a Federación de Gremios de Editores de España, anuncian o programa literario da Feira do Libro de Frankfurt 2021 e as cerimonias que protagonizará España para comezar o seu ano como Convidada de Honra na maior cita comercial do libro, que este ano transcorrerá do 20 ao 24 de outubro.
Como avance para o ano 2022 en que España será cultura convidada, preséntase na feira deste ano un potente e diverso programa literario para os días da celebración, do 20 ao 24 de outubro. Ademais, destaca o lanzamento do novo sitio web spainfrankfurt2022.com cun deseño acorde co lema e identidade visual “España. Spilling Creativity”, desde a que se retransmitirán todos os encontros do programa literario e as cerimonias.
A participación de España na Feira do Libro de Frankfurt 2022 asentarase sobre a bibliodiversidade, a innovación, a pluralidade lingüística, a igualdade de xénero e a sostibilidade.