A ASOCIACIÓN GALEGA DE EDITORAS LAMENTA O PASAMENTO DA ESCRITORA XOHANA TORRES
- O 13/09/2017
Santiago de Compostela, 13 de setembro de 2017.– A directiva da Asociación Galega de Editoras lamenta fondamente a perda da escritora Xohana Torres (Compostela, 1931), que faleceu onte en Vigo aos 85 anos de idade.
Xohana Torres foi unha das autoras máis relevantes da literatura galega de posguerra, encadrada na denominada Xeración das Festas Minervais que, a mediados dos anos 50, renovaría a tradición poética en galego. Viviu os anos mozos en Ferrol, onde foi alumna de Ricardo Carballo Calero e posteriormente estudaría Filosofía e Letras en Santiago, antes de se asentar na cidade de Vigo.
Xohana Torres construíu unha voz poética sólida, innovadora, dende o seu primeiro libro de versos Do sulco (1957, Editorial Galaxia) ata Elexías a Lola (Engaiolarte) publicado o ano pasado. Cultivou tamén o teatro, a narrativa, o ensaio, a literatura infantil, e chegou a dirixir en Vigo, en 1963, o primeiro espazo cultural de radio integramente en galego, Raíz e tempo. A súa carreira literaria sempre se guiou pola defensa da cultura e da lingua galegas.
Os recoñecementos chegarían dende os primeiros anos: Premio de Poesía da Asociación da Prensa de Vigo en 1955, Premio Castelao de Teatro Galego en 1966, Pedrón de Ouro en 1972, Premio da Crítica Española en 1981 ou Premio á creación Feminina da Xunta de Galicia en 1992, entre outros.
En 2001 ingresaba como académica de número na Real Academia Galega, onde leu o discurso “Eu tamén navegar”. Nel, reflexionaba así sobre a poesía, a vida, e a súa escrita:
“Necesitamos, pois, a emoción dos encontros, un lixeiro olor a herba, unha palabra e, de repente, todo está de novo á nosa disposición, móvense as figuras, harmonízanse. Un simple nome, un atributo, pode alcanzar para nós o valor dun deus. Isto é o que tamén indaga a poesía. Verdadeiro exercicio exploratorio, os versos, como actos decididos. Navegar é ter sempre un porto secreto, o noso número máxico, unha longa historia de amor”.
Co pasamento de Xohana Torres as Letras galegas perden unha voz fundamental, mais a súa obra pasará xa a enriquecer e ilustrar a memoria e a cultura colectivas deste país.
Foto: Xohana Torres en 2001 o día do seu ingreso na RAG (Arquivo persoal de Laura Landeira/Consello da Cultura Galega).
ASOCIACIÓN GALEGA DE EDITORAS
s.tecnica@editoresgalegos.org
TEL. 881 81 72 64 – 609 83 15 11