A Asociación Galega de Editoras participa na Feira de Guadalaxara-FIL (México), a cita editorial máis importante de Iberoamérica
- O 23/11/2017
A Asociación Galega de Editoras participa na Feira de Guadalaxara-FIL (México), a cita editorial máis importante de Iberoamérica
- Celebra este ano a súa edición nº 31 que se desenvolve do 25 de novembro ao 3 de decembro con Madrid como Convidada de Honra.
- O programa inclúe a participación das autoras galegas María Canosa e Paula Carballeira amais do ilustrador Federico Fernández. As súas obras amosaranse por parte da AGE no stand de Galicia.
Xoves, 23 de novembro de 2017.- A Asociación Galega de Editoras participa na Feira Internacional do Libro de Guadalaxara, a reunión editorial máis importante de Iberoamérica iniciada hai 31 anos pola Universidade de Guadalaxara, unha feira para profesionais onde o público é benvido. Sen descoidar a súa vocación como un encontro de negocios, a FIL foi concibida como un festival cultural no que a literatura é a columna vertebral, cun programa en que participan autoras e autores de todos os continentes e diferentes linguas, así como un espazo para a discusión académica dos grandes temas da actualidade. Durante os nove días da Feira, do 25 de novembro ao 3 de decembro, o público escoita aos seus autores preferidos, a industria do libro converte a Guadalaxara no seu corazón, e a cidade énchese de música, arte, cine e teatro da Convidada de Honra; este ano Madrid.
A Asociación Galega de Editoras amosará no stand de Galicia, compartido coa Consellería de Cultura-Xunta de Galicia, unha selección de obras dos selos Edicións Xerais de Galicia, Kalandraka Editora, Alvarellos Editora, Editorial Galaxia, Obradoiro, Rodeira, Edicións Embora, Ediciones Bolanda, Baía Edicións, Urco Editora e Edicións Fervenza.
Ademais de estar representadas no stand de Galicia, as editoriais galegas Kalandraka e Nova Galicia Edicións contarán con stand propio na feira e Edicións do Cumio-Arnoia Distribucións desenvolverá a súa axenda desde o stand da Federación de Gremios de Editores de España. Pola súa parte, os selos galegos, Rodeira e Obradoiro, estarán representados, ademais do stand de Galicia, nos de Edebé e Santillana respectivamente.
María Canosa, Paula Carballeira e Federico Fernández participan en senllas actividades da feira organizadas pola Xunta de Galicia e a FIL Guadalaxara
Dúas autoras galegas e un ilustrador participarán nesta edición. A escritora e actriz Paula Carballeira e o ilustrador Federico Fernández terán un encontro o martes 28 de novembro, dentro da actividade Ilustrador y escritora, vasos comunicantes. Palabras que recrean ilustraciones e ilustraciones que recrean palabras. O mércores, 29 de novembro, asinan os seus libros no stand de Kalandraka e, ese mesmo día, xunto con María Canosa, participan en Rompiendo el proceso creativo: formas literarias y comunicación con el lector en Galicia, no marco da sección FIL Literatura.
Dentro do Programa do Salón do Cómic e Novela Gráfica celebrarase #LeemosCómics, charla con Axel Medellín, Saeta e Federico Fernández Alonso, o venres 1 de decembro.
Ademais das actividades citadas, a autora María Canosa presenta Muriel, de Edicións Xerais de Galicia, o xoves 30 de novembro e participa en Ecos de la FIL, o mércores 29, coa visita á UNE Milenio. Pola súa banda, Paula Carballeira presenta Bruxa e familia, de Edicións Obradoiro, o xoves, 30 de novembro, e no marco da actividade Ecos de la FIL, visita o Instituto Renacimiento, o 27 de novembro.