Aumenta a produción de títulos en galego en máis dun 4% no ano 2016
- O 13/07/2017
A Federación de Gremios de Editores de España presentou hoxe un avance de resultados do Comercio Interior e Exterior do Libro en España 2016, do que se desprende que o sector editorial medra por terceiro ano consecutivo. Os datos achegados nestes informes de resultados indican ademais que, a facturación medrou un 2,7% en 2016, aínda que queda moito percorrido ata recuperar as cifras anteriores á crise. Esta mellora apóiase nun incremento máis equilibrado das vendas de todos os xéneros, especialmente os literarios, tanto de adultos coma de infantil e xuvenil e dos libros de texto, como consecuencia da renovación de 2º e 4º de secundaria establecida no calendario de implantación da LOMCE. Neste último caso, o incremento foi inferior ao de anos anteriores.
As librarías continúan a ser as principais canles de distribución do libro, aínda que todas as canles incrementan as cifras de venda a excepción da venda por correo.
O sector editou 81496 títulos, cunha tiraxe media de 2.749 exemplares por título. O catálogo editorial español en comercialización ascende a 620316 títulos.
Resultados da produción por linguas de edición
No avance dos Informes de Comercio Interior e Exterior do Libro 2016, os datos amosan que a produción de títulos en galego é a que máis medra se se compara coas demais linguas do Estado. Segundo estes resultados de produción editorial por linguas de edición, os títulos en castelán aumentan un 2,6% e en galego un 4,1%. Pola contra, diminúe o número de títulos editados en catalán (2,5%) e en éuscaro (0,4%).
Diminución das vendas do libro editado en formato dixital e do libro de peto
O libro editado en formato dixital incrementa a facturación nun 1,5% máis ca en 2015. Estas cifras reflicten a ralentización detectada a escala global nas vendas deste formato.
O número de títulos dixitais editados continúa a medrar, xa que no 2016 foron publicados 45.658 títulos en formato dixital e vendéronse 12,3 millóns de exemplares. A oferta legal de títulos dixitais ascendeu a 17.4266
Por outra parte, as vendas de libros de peto seguen a reducirse con respecto a exercicios anteriores.
As exportacións do sector do libro increméntanse en máis dun 3%
As exportacións do sector do libro acadaron 571,77 millóns de euros, cun incremento do 3,5%. A balanza comercial do sector do libro ofrece un saldo positivo: 370,45 millóns de euros, un 14,2% máis ca no 2015.
Máis información: FGEE/ @FGEEenlinea