Berta Dávila e Ledicia Costas, Premios Xerais 2021
- O 13/12/2021
Santiago de Compostela, 12 de decembro de 2021. – O museo Meirande de Redondela acolleu o sábado o anuncio das obras galardoadas cos Xerais 2021. Berta Dávila gañou o Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil con “Un elefante na sala de estar” e o Xerais de Novela con “Os seres queridos” . Ledicia Costas fíxose co Premio Merlín de Literatura Infantil coa obra “O neno de lume”.
“O neno de lume” de Ledicia Costas, Premio Merlín de Literatura Infantil 2021
“O neno de lume” sorprendeu ao xurado da XXXVI edición do Premio Merlín de Literatura Infantil pola súa eficacia narrativa (que lembra á dos contos clásicos), pola orixinalidade dos personaxes e pola plasticidade dos escenarios. Salpicada de efectivas doses de humor, tenrura e irreverencia, a obra mestura a realidade e a fantasía desbordante para falar, sen caer no didactismo e cunha extraordinaria sensibilidade, da busca das orixes, do valor das diferenzas, das inxustizas sociais e do incuestionable poder da amizade.
“Un elefante na sala de estar” de Berta Dávila, Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil 2021.
Un grupo de persoas que se ven afectadas por un suicidio intenta buscar o motivo ao tempo que se culpan e procuran o xeito de aceptalo.
O xurado destacou a sensibilidade coa que se trata o tema a través dun estilo limpo e coidado e dunha lectura amable que engancha dende o primeiro momento.
A orixinalidade da novela radica na reconstrución da historia da protagonista a partir de diferentes puntos de vista. A autora recrea diferentes voces (entre elas, familiares, amizades, doutoras…) perfectamente conseguidas que lle dan á novela un ton polifónico.
Sen selo, a autora constrúe unha novela coral de lectura doada, cargada de sentimentos, contradicións e cun xiro final sorprendente.
“Os seres queridos” de Berta Dávila, Premio Xerais de Novela 2021.
A obra gañadora desta edición do Premio Xerais de Novela está conformada pola reflexión sobre a alienación, a fenda abisal que a sociedade crea negando a muller como persoa dende o momento en que se converte en nai.
Cunha clara vocación de estilo e cunha prosa precisa, atraente e emotiva, a narradora protagonista configura un magnífico discurso autoficcional sobre os afectos e os vínculos entre persoas, sexan familiares ou non, e afonda no significado do amor maternal e nas arestas controvertidas da maternidade.
Os libros gañadores dos tres premios chegarán ás librarías no mes de marzo de 2022.