
Convocatoria III Premio Fina Casalderrey de LIX pola igualdade
- O 18/01/2021
Baía Edicións, en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, convoca o III PREMIO FINA CASALDERREY de Literatura Infantil pola igualdade, que se rexerá polas seguintes bases:
Primeira
Poderán concorrer ao premio todas as autoras e autores de calquera nacionalidade que presenten os orixinais escritos en lingua galega conforme a normativa vixente. As obras deberán atender ao concepto de literatura infantil non sexista e coeducativa en calquera dos seus aspectos, introducindo elementos críticos que cuestionen o modelo social sexista dominante.
Segunda
As obras a concurso deben ser orixinais, inéditas e non premiadas. O feito de participar implica o compromiso de non optar a outros premios coas mesmas obras mentres non se resolva este, compromiso que se estenderá máis aló da resolución de resultar gañadora.
Terceira
A obra, que se publicará como álbum ilustrado, non deberá exceder os 5 000 caracteres (espazos incluídos). Enviaranse seis copias da mesma en papel, mecanografadas a dobre espazo e debidamente encadernadas a: BAÍA EDICIÓNS (Polígono Pocomaco, 2.ª Avenida. Parcela A2 / Nave 52, 5190 A Coruña).
O prazo de recepción de orixinais remata o 8 de marzo de 2021.
Cuarta
Coa obra, que deberá ser presentada baixo lema e sen ningún tipo de dato que identifique a súa autoría, xuntarase, en sobre pechado, e indicando no mesmo: Premio FINA CASALDERREY 2021, os seguintes datos: nome completo, enderezo, teléfono e correo electrónico, así como o título
proposto da obra.
A participación implica o compromiso de que a obra é orixinal, inédita e non premiada.
Quinta
O premio, que poderá quedar deserto se a calidade das obras non fose estimábel, considerará unha única obra gañadora, á que se lle asigna unha dotación económica de 2500 euros. Esta dotación económica considerarase unha entrega á alzada en concepto de dereitos de autoría.
A obra premiada será publicada por Baía Edicións, de conformidade cos seus contratos de edición. A autoría da obra premiada comprométese a participar
nos actos de promoción que organice a editorial.
Sexta
O Xurado está composto por catro persoas de recoñecido prestixio e mais unha da propia editorial, que actuará, asemade, como secretaria.
Sétima
A resolución do xurado darase a coñecer o 1 de xuño de 2021.
Octava
As obras non premiadas non serán devoltas pola editorial.
Novena
A participación nesta convocatoria presupón a aceptación das presentes bases, así como as decisións do Xurado, que serán inapelábeis.
Máis información: https://baiaedicions.gal/