
Convocatoria Premio Meiga Moira 2022
- O 13/01/2022
Baía Edicións convoca o premio Meiga Moira 2022 de creación literaria infanto-xuvenil, que se rexerá polas seguintes BASES:
Primeira
Poderán concorrer ao premio todas as autoras e autores de calquera nacionalidade que presenten os orixinais escritos en lingua galega de obras de creación literaria dirixidas a rapazas e rapaces de 8 a 16 anos.
As obras deberán ser inéditas e non premiadas.
Se no período de tempo transcorrido entre a presentación do orixinal e o ditame do xurado a obra obtén outro premio ou é publicada, a autoría vese obrigada a comunicalo á editorial e non poderá recibir este premio.
Segunda
Enviaranse seis copias (incluído o orixinal) debidamente encadernadas co texto, escrito en letra Times, corpo 12 e a dobre espazo, a:
BAÍA EDICIÓNS
Polígono Pocomaco, 2.ª Avda.
Parcela A2 / Nave 52.
15190 A Coruña.
O prazo de recepción de orixinais remata o 2 de abril de 2022.
Terceira
Coa obra, que deberá ser presentada baixo lema, xuntarase, en sobre pechado, o nome completo, enderezo,
teléfono e correo electrónico da autoría, así como o título da obra e grupo de idade ao que vai dirixida
(8 a 12 anos ou 12 a 16), indicando no mesmo: Premio Meiga Moira 2022.
Cuarta
O premio, que poderá quedar deserto, considerará unha única obra gañadora, á que se lle asigna unha dotación económica de 2.000 euros.
Os posíbeis accésit contarán cunha dotación económica de 600 euros.
As obras premiadas serán publicadas por Baía Edicións na súa colección Meiga Moira, renunciando as persoas gañadoras aos dereitos de autoría da primeira edición.
No caso de realizarse posteriores edicións, estas rexeranse polo modelo de contrato de autoría propio de Baía Edicións.
A autoría das obras premiadas comprométense a participaren nos actos de promoción que organice a editorial.
Quinta
O xurado está composto por cinco persoas de recoñecido prestixio, unha delas da propia editorial, que actuará, asemade, como secretaria.
Sexta
A resolución do xurado darase a coñecer o 17 de maio de 2022.
Sétima
As obras non premiadas non serán devoltas pola editorial.
Oitava
A participación nesta convocatoria presupón a aceptación das presentes bases, así como as decisións do Xurado, que serán inapelábeis.
Máis información: www.baiaedicions.gal