Convocatoria XII Premio Internacional COMPOSTELA para Álbums Ilustrados
- O 18/02/2019
O Departamento de Educación e Cidadanía do Concello de Santiago de Compostela, en colaboración con Kalandraka Editora, e no marco da súa XIX Campaña de Animación á Lectura, convoca o XII Premio Internacional COMPOSTELA para Álbums Ilustrados, coas seguintes bases:
1. Poderán optar ao XII Premio Internacional COMPOSTELA para Álbums Ilustrados todas as obras que se poidan incluír na categoría de álbum ilustrado: un libro no que o relato se conta a través de imaxes, ou de imaxes e textos, de tal maneira que ambos os dous se complementen.
2. As bases da presente convocatoria teñen como finalidade fomentar a produción artística e literaria destinada ao público infantil e xuvenil.
3. As obras poderán ser presentadas en calquera das linguas oficiais da Península Ibérica e deberán ser orixinais e inéditas. Non se admitirán aquelas que sexan adaptación doutros orixinais ou as obras que fosen premiadas ou mencionadas noutros concursos. Tampouco se admitirán as obras que teñan máis de tres ilustracións publicadas en internet.
4. Poderán participar unha ou varias persoas, autores/as de texto e ilustración de calquera nacionalidade. Quedan excluídos os/as gañadores/as das anteriores edicións e o persoal da editorial Kalandraka.
5. Os proxectos poderán presentarse en calquera tamaño, técnica e formato, pero a extensión non deberá superar as 40 páxinas interiores (sen contar gardas nin cubertas).
Consulta as bases completas