
Edicións Fervenza presenta “O libro falador”, de Henrique Neira, en Vedra
- O 19/05/2022
O sábado, 21 de maio, en San Miguel de Sarandón (Vedra), preséntase “O libro falador“, de Henrique Neira, editado por Edicións Fervenza. No acto, que estará aberto ao público ata completar aforo, participarán o autor do conto, Henrique Neira; o ilustrador, Manuel Blanco; e o alcalde do Concello de Vedra, Carlos Martínez.
A obra
O libro falador é un conto infantil en tapa dura e con ilustracións a toda cor no que, a través de sonoras rimas, se narran as aventuras de dous biosbardos, Landriña e Carolo, na súa teima por crear un “libro falador”.
Este máxico libro pretende albergar unha morea de segredos e, para crealo, os biosbardos protagonistas terán que percorrer na compaña do lector/a distintos lugares de todo o mundo na busca de todos aqueles elementos precisos para a súa creación.