Edicións Fervenza presenta “O Naranxo no Trasmundo”, de Inma Vilariño, en Santiago e en Lestedo
- O 30/08/2021
Compostela e Lestedo (Boqueixón) acollerán as presentacións do libro “O Naranxo no Trasmundo”, publicado por Edicións Fervenza, e que supón a incursión na literatura da xornalista Inma Vilariño.
SANTIAGO
A primeira cita será o xoves 2 de setembro, ás 20:00 h, no Pazo de San Roque, en Santiago de Compostela. Nesta presentación, a autora estará acompañada pola profesora, escritora e autora do epílogo Charo Golmar, pola ilustradora do libro, Amalia López Brea “Luchi”; polo xornalista, profesor e prologuista do libro Manuel Gago; e o secretario xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, Valentín García. O acto estará amenizado coa actuación do gaiteiro Plácido Rozas.
LESTEDO
O venres 3 de setembro, ás 20:00 h, será a Libraría Lino de Lestedo (Avda. do Vinte e seis, 40) a que acollerá a presentación do libro “O Naranxo no Trasmundo”. Inma Vilariño estará acompañada polo profesor e escritor Xosé Manuel Lobato que actuará como presentador e mantedor do acto; o alcalde do Concello de Boqueixón, Manuel Fernández Munín; a profesora, escritora e autora do epílogo Charo Golmar; e a ilustradora do libro, Amalia López Brea “Luchi”.
—–
“O Naranxo no Trasmundo” érguese como un conxunto de relatos que conflúen baixo a historia dun personaxe de Lalín e da Comarca de Deza, coñecido como “O Naranxo”, un marabilloso tolo, e que narra as súas peripecias desde o Trasmundo. O alén e o aquén dilúense nesta historia que toma forma dos contos da tradición oral escoitados pola autora de nena, que logo arrequentou cos relatos de Ramón de Valenzuela e bebeu nas obras de Laxeiro, entre outros autores.
Na época do Naranxo, os tolos representaban unha liberdade excéntrica: cando se facían maiores e ficaban terriblemente sós, sen familia que os coidase, convertíanse dalgún xeito en familia de todo o mundo.