
Edicións Fervenza presenta os novos títulos da colección Os Balbinos, en Compostela
- O 01/04/2022
O mércores, 6 de abril, ás 19.30 horas, no Pazo de San Roque, en Santiago de Compostela, Edicións Fervenza presenta os dous novos títulos da colección Os Balbinos: Camiño inglés e Camiño portugués. No acto de presentación participarán os creadores dos contos, Toño Núñez e Xoán Carlos García Porral; e o ilustrador Gabriel Iglesias Sanmartín.
Os Balbinos é unha colección de catro libros infantís-xuvenís, en tapa dura, ilustrados a toda cor e narrados en tres idiomas: galego, castelán e inglés. Neles recóllense as aventuras da familia dos Balbinos, os pequenos Lúa e Bal e os seus pais Lena e Lino, nas súas andainas polas distintas rutas do Camiño de Santiago nos tramos galegos.
Camiño Francés e Ruta da Prata foron as primeiras publicacións da colección ás que agora se suman o Camiño Inglés e o Camiño Portugués.
Nesta nova camiñata, a que ocupa o Camiño Inglés, o lector acompañará á simpática familia descubrindo, xunto a eles, os distintos lugares de interese dos concellos polos que transcorre esta ruta, coñecendo os seus atractivos culturais, paisaxísticos, festivos, gastronómicos, relixiosos… que nesta ocasión os levará a coñecer a historia dos concellos polos que transcorre o Camiño Inglés, pasando por Ferrol, Narón, Neda, Fene, Cabanas, Pontedeume, Miño, Paderne, Betanzos, Abegondo, Mesía, Ordes, Oroso ata rematar en Santiago de Compostela.
Do mesmo xeito, a seguinte obra, a que ocupa o Camiño Portugués, centrará as aventuras da familia naqueles lugares polos que transcorre dita ruta dende Tui pasando por O Porriño, Mos, Redondela, Soutomaior, Vilaboa, Pontevedra, Barro, Portas, Caldas de Reis, Valga, Pontecesures, Padrón, Brión, Teo, Rois, Ames ata chegar a Santiago de Compostela.