
EDICIÓNS XERAIS DE GALICIA: PROPOSTAS LETRAS GALEGAS 2022
- O 11/05/2022
Florencio Delgado Gurriarán. Polos vieiros da saudade, de Héctor Cajaraville
Florencio Delgado Gurriarán (1903-1987) destacou como poeta, e segue a ser o autor máis representativo da súa Valdeorras natal. Pero foi tamén articulista, crítico literario, coordinador editorial, lexicógrafo, tradutor, corrector… E como moitos outros intelectuais galeguistas, tras o golpe de estado de 1936 tivo que tomar o camiño do exilio. No seu caso o lugar escollido foi México, onde levou a cabo un intenso labor cultural. Algúns dos proxectos que encabezou tomaron forma de publicación periódica, como as revistas «Saudade» e «Vieiros». Nunha época en que a cultura galega se desenvolveu con máis vigor fóra ca dentro das súas fronteiras naturais, persoeiros como Delgado Gurriarán desempeñaron un papel fundamental para a súa supervivencia.
Florencio Delgado Gurriarán. Vida e obra dun poeta no exilio mexicano, de Miro Villar
Un libro divulgativo sobre a vida e a obra de Florencio Delgado Gurriarán, o autor das Letras Galegas 2022. Unha traxectoria marcada polo compromiso antifranquista e republicano. Unha biografía ao servizo do galeguismo desde o exilio mexicano.
Obra poética de Florencio Delgado Gurriarán, edición de Xosé Ramón Pena
As Letras Galegas 2022, dedicadas a Florencio Delgado Gurriarán, permiten a redescuberta dun autor inserido nas coordenadas da vangarda enxebre ao que cómpre engadir unha poesía, bastante descoñecida, que contén cantos xeórxicos, exaltacións dionisíacas e eróticas ou que participa da poesía de combate e denuncia social. A Obra poética de Florencio Delgado Gurriarán inclúe Bebedeira (1934), Galicia infinda (1963), Cantarenas (1981) e O soño do guieiro (1986), así como un monllo de textos aparecidos en publicacións periódicas que confirman un autor que non só continúa o ronsel iniciado por Amado Carballo, senón que presenta variados estilos e temáticas