CONCLUSIÓNS DO XVI SIMPOSIO DO LIBRO E DA LECTURA DA ASOCIACIÓN GALEGA DE EDITORAS
- On 25/11/2019
O LIBRO EDUCATIVO DA ERA DIXITAL DEBE ATENDER Á DIVERSIDADE, SER FLEXIBLE, ADAPTADO AO CONTEXTO, E HÍBRIDO OU MIXTO
- Estas son algunhas das principais conclusións do Simposio sobre o Libro e a Lectura que organizou a semana pasada en Compostela a Asociación Galega de Editoras xunto coa Concellería de Educación do Concello de Santiago, e que reuniu, durante dous días, a editoras de libro educativo, pedagogos, profesorado e representantes de nais e pais, entre outros especialistas.
Santiago de Compostela, luns 25 de novembro de 2019.- “O libro educativo na era dixital” foi o lema deste novo Simposio, un encontro profesional que ese ano acadou a súa edición número dezaseis. Dúas conferencias, tres mesas redondas e un panel de experiencias vertebraron un intenso programa desenvolvido en dous días, xoves 21 e venres 22, e no que participaron quince especialistas: representantes de editoras de libro educativo, pedagogos, profesorado e Anpas.
O libro educativo que demanda a sociedade actual debe estar moi atento á diversidade, ser flexible, cooperativo e implicado coa contorna de cada centro docente. Esta é unha das principais conclusións do encontro.
Por outra banda, os recursos educativos e, xa que logo, o libro de texto, serán híbridos ou mixtos, con materiais dixitais e materiais en papel que convivirán.
A innovación non está directamente relacionada con dixitalización de contidos senón que innovar é elaborar contidos educativos que dean resposta aos novos contextos sociais.
PLATAFORMA EDIXGAL
O representante de Anele (Asociación Nacional de Editoras de Libros y Material de Enseñanza), José Moyano, criticou a actual plataforma Edixgal promovida pola Xunta de Galicia que proporciona recursos educativos dixitais aos centros docentes galegos: “Edixgal -afirmou- atenta contra a liberdade de cátedra, porque obriga ao profesorado a elixir editorial e contidos, e atenta tamén contra a protección de datos, porque esixe aos docentes liberar nunha plataforma contidos que eles foron elaborando”.
A OPINIÓN DAS ANPAS
O presidente da Confederación de ANPAS galegas, Fernando Lacaci, crítico coa dixitalización, sinalou que “non existe unha demanda modernizadora, neste sentido, por parte das familias. Para o alumnado, o mundo dixital é un mundo de ocio. O que debe atender prioritariamente a educación é a formar persoas que entendan o mundo, preparadas para vivir en sociedade”.
AS EDITORAS DE LIBRO EDUCATIVO
As editoras de libro educativo en Galicia defenderon os recursos didácticos de “proximidade” (Belén López, de Baía), “que ensinen non só contidos senón a falar con solvencia e a recoñecer ao diferente” (Chus Gómez, de Rodeira), “recursos flexibles para que o profesorado elixa” (Ana Guerra, de Obradoiro), “recursos híbridos, proxectos educativos integradores en comunicación coas familias” (Xosé María Moo, de Edicións Xerais).
PROFESORADO
O profesorado defendeu proxectos educativos implicados coa contorna, onde se usen indistintamente ferramentas dixitais ou analóxicas (Susana Trigo, docente no IES Ponte Caldelas). “Non é o mesmo crear contidos que ser docente”, puntualizou a profesora Paula Fernández Seoane. “Eu son unha mediadora, quero materiais, de todo tipo, cantos máis materiais mellor, para logo eu poder elixir”.
O editor e pedagogo Manuel Bragado afirmou que “a edición do futuro deberá dar resposta á educación inclusiva, cooperativa, flexible, experiencial e con recursos con hipertextos para unha lectura crítica e hipertextual, e un modelo plurilingüístico onde sumen o castelán, o galego, o inglés e o portugués”.
Dúas conferencias abriron e pecharon respectivamente o Simposio. O pedagogo Antón Costa inaugurou as xornadas cunha visión histórica sobre a educación e a cultura dende os suevos (século V) ao século XX. E o filósofo e pedagogo navarro Gregorio Luri puxo o broche final cunha reflexión sobre a importancia da lectura: “Todo profesor é un profesor de lingua. Se queremos ensinar a aprender a aprender, ensinemos a ler. Ler é a arte de situar textos en contextos”.
As conferencias e intervencións puideron verse en directo través de streaming e están a disposición do público na canle de Youtube da AGE.
MÁIS INFORMACIÓN:
Asociación Galega de Editoras
s.tecnica@editorasgalegas.gal
tel. 881 81 72 64 – 609 83 15 11