DEZASETE EDITORAS GALEGAS PARTICIPAN ESTE MES EN LIBER E FRANKFURT
- On 07/10/2019
- A Asociación Galega de Editoras (AGE) difundirá na Feira de Frankfurt un catálogo de novidades, o Galician Books|Foreign Rights, realizado en colaboración coa Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) e coa promoción da Xunta de Galicia.
Luns, 7 de outubro de 2019.- A promoción da industria editorial de Galicia no exterior é unha das principais liñas de actuación da Asociación Galega de Editoras (AGE). Con esa finalidade, as editoras galegas viaxarán neste mes de outubro, dentro dun programa de axudas financiado por CEDRO, ás feiras internacionais LIBER e Frankfurt. As editoras manterán xuntanzas no stand de Galicia, que a AGE compartirá como coexpositora xunto coa Consellería de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia, e desenvolverán tamén encontros profesionais do sector no evento máis destacado a nivel internacional, a Feira Internacional do Libro de Frankfurt (Alemaña).
LIBER acada a 37ª edición co emirato de Sharjah como país convidado
A Feira Internacional do Libro, que nesta edición estará de volta en Madrid, terá lugar entre os días 9 e 11 de outubro. LIBER é un evento con carácter profesional que promove a Federación de Gremios de Editores de España e que se organiza alternando a sede anualmente, nunha convocatoria en Madrid e noutra en Barcelona. Este ano LIBER regresa a Madrid, organizada polo IFEMA, para celebrar a súa 37 edición co emirato de Sharjah como país convidado. Esta convocatoria suporá o maior encontro internacional do libro en español, con capacidade de ofrecer oportunidades de negocio ás principais empresas editoriais.
O sector editorial galego contará con stand coexpositivo compartido entre a AGE e a Consellaría de Cultura e Turismo, da Xunta de Galicia, para amosar as súas novidades, manter acordos e intercambios comerciais. Ademais as editoras asociadas Kalandraka Editora e Edicións do Cumio-Arnoia Distribuidora contarán con espazo propio.
As editoras asociadas á AGE, Alvarellos Editora, Hércules de Ediciones, Kalandraka Editora, Baía Edicións, Triqueta Verde, Bululú, Edicións do Cumio, Tulipa Editorial, Edicións Fervenza, KNS Ediciones, OQO Editora e a Editorial Galaxia desprazaranse á feira entre os días 9 e 11 de outubro, dentro dun programa de axudas de CEDRO e ademais dotarán de novidades o stand de Galicia na feira xunto con Bolanda Edicións, Auga Editora, Edicións Xerais de Galicia, Toxosoutos e Edicións Embora.
Frankfurt, cita clave en venda de dereitos e promoción exterior
A gran cita mundial da edición que cada ano reúne a editoriais en Alemaña e que terá nesta ocasión como país convidado a Noruega, celebrarase entre os días 16 e 20 de outubro. Ademais do encontro en Frankfurt dos principais representantes internacionais do sector editorial, a feira alemá converterase un ano máis no principal centro de negocio no exterior para a compra e venda de dereitos de edición, obxectivos fundamentais da delegación das editoras galegas que asistirán á feira: Kalandraka Editora, Edicións Fervenza, Baía Edicións, Hércules de Ediciones e Edicións do Cumio-Arnoia Distribuidora, e participarán cunha mostra das súas novidades no stand de Galicia que a AGE compartirá como coexpositora coa Consellería de Cultura e Educación, xunto coas de Edicións Xerais de Galicia, Editorial Galaxia, Alvarellos Editora, Tulipa Editorial, KNS Ediciones, Triqueta Verde, OQO Editora, Toxosoutos, Edicións Bolanda, Edicións Embora, Bululú e Auga Editora.
A Asociación Galega de Editoras promove na feira de Frankfurt unha selección de obras expostas e novidades para a venda de dereitos. Nesta edición da Frankfurter Buchmesse presenta un catálogo, en inglés, de novidades e autoría galega, o Galician Books|Foreign Rights, en colaboración coa Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) e a Xunta de Galicia.
Máis información: s.tecnica@editorasgalegas.gal
Tel. 609831511