Kalandraka edita en lingua maia a Maurice Sendak
- On 25/08/2015
A editorial de matriz galega Kalandraka Editora vén de publicar a obra Onde viven os monstruos,de Maurice Sendak, en maia, unha lingua orixinaria de América. Te’ tu’ux ku kajtal le wáayo’obo’ é o título da obra nesa lingua, segundo a nota difundida pola editorial para dar a coñecer esta boa nova. É a primeira vez que un libro do prestixioso autor e ilustrador estadounidense poderase ler nunha lingua orixinaria de América, con tradución de Hilario Chi Canul. O álbum vaise presentar na Feira Internacional do Libro Infantil e Xuvenil (FILIJ) e na Feira Internacional do Libro (FIL) de Guadalaxara, que se celebrarán o vindeiro mes de novembro en México.
Kalandraka reforza o seu compromiso de ofrecer a todos os lectores e lectoras a posibilidade de achegarse ás obras que destacan polo seu valor artístico e literario nas súas linguas orixinarias ou propias.
Onde viven os monstros é un exemplo de álbum ilustrado perfecto, un referente da literatura infantil contemporánea e unha das obras máis vendidas de todos os tempos. Os herdeiros da obra do autor -falecido en 2012- amosaron a súa satisfacción por esta tradución en maia, polo que representa para a proxección e a defensa das linguas vulnerables.
Recuperación da obra de Sendak
Dende o pasado ano, KALANDRAKA vén recuperando o legado bibliográfico de Maurice Sendak, incluídos varios títulos que permanecían inéditos en galego e mais en castelán: Máis alá da fiestra (Outside over there, 1981) -a súa obra máis persoal- é o título que completa a triloxía de relatos oníricos iniciada con Onde viven os monstros e Na cociña de noite. Chancho-Pancho (Bumble-Ardy, 2011) -na edición en español- foi a súa derradeira creación, na que ironizaba e cuestionaba a sobreprotección familiar.
A estes títulos uníronse recentemente os cinco volumes da serie Osiño, con textos da autora Else Holmelund Minarik, ilustrados por Sendak e publicados orixinalmente entre 1957 e 1968.
Fonte: www.kalandraka.com/ comunicacion@kalandraka.com