MARTÍN VEIGA PRESENTA O POEMARIO ‘DIARIO DE CROSSES GREEN’
- On 06/07/2016
Dez anos despois do seu anterior libro de poesía, o profesor e escritor Martín Veiga (Noia, 1970) vén de retomar o seu vínculo con este xénero literario publicando “Diario de Crosses Green”, editado na colección Tambo de Faktoría K de Libros, un selo editorial de Kalandraka. “Diario de Crosses Green presentarase este xoves 7 de xullo ás 20:30 horas na Casa da Cultura Antón Avilés de Taramancos, en Noia.
Avilés de Taramancos é, precisamente, unha figura á que Martín Veiga está moi vencellado como investigador e crítico literario, xa que a súa tese doutoral centrouse na obra do autor noiés, do que tamén elaborou a edición anotada dos seus “Cantos caucanos”, ademais da publicación de “Raiceiras e vento” sobre o seu legado poético e unha biografía do escritor.
En canto ao novo poemario de Martín Veiga, “Diario de Crosses Green” foi creado na cidade irlandesa de Cork, en cuxa Universidade imparte clases de Estudos Hispánicos e dirixe o Irish Centre for Galician Studies, ademais de ser un dos responsables da revista Galicia 21: Journal of Contemporary Galician Studies. Reflexionando sobre o tempo e os seus misterios, nos versos deste libro plásmanse o decorrer dos días, os ecos da memoria ou interrogantes sobre o sentido do lugar, nun diálogo aberto cos ecos dunha tradición plural.
Na traxectoria literaria de Martín Veiga destacan os premios de poesía Espiral Maior, Esquío e Fiz Vergara Vilariño, entre outros.
Na presentación do seu libro en Noia, Martín Veiga estará acompañado pola xornalista Ana Romaní, directora do programa Diario Cultural da Radio Galega; o profesor e escritor David Pérez Iglesias, Premio Merlín 2016; e o director da colección Tambo, Luís Rei Núñez.
Tamén se presentará o vindeiro martes 12 de xullo, ás 20:00 horas, na libraría Couceiro de Santiago, coa participación da profesora e crítica literaria Chus Nogueira.
“Diario de Crosses Green” súmase ao ronsel literario da colección Tambo, da que forman parte “Os ángulos da brasa” (Premio Ánxel Casal de Poesía 2012, Premio da Crítica Española 2012, Premio de Poesía da Asociación de Escritores en Lingua Galega 2012 e Premio Nacional de Poesía 2013), “Onde nunca é mañá” e “Rigorosamente humano”, os tres de Manuel Álvarez Torneiro; “Alén da fronteira” (Premio Lois Tobío de Tradución 2012), que recompila a obra de sete poetas vascos; “Tríptico”, de Antoni Marí; “Espiral de sombras”, de Xavier Seoane; “Estrela do norte”, de Luís Rei Núñez; e “Tempo de exilio”, de Joseba Sarrionandia (Premio Etxepare 2015 de Tradución).