“O CAN DE MIMO”, DA AUTORA HÚNGARA MARIANN MÁRAY, GAÑA O XII PREMIO INTERNACIONAL COMPOSTELA DE ÁLBUM ILUSTRADO
- On 07/06/2019
A autora e ilustradora húngara Mariann Máray foi a gañadora do XII Premio Internacional Compostela de Álbum Ilustrado co proxecto presentado co lema “O can de Mimo”. O certame, organizado polo Departamento de Educación e Cidadanía do Concello de Santiago e por KALANDRAKA, ten unha dotación de 9.000 euros e conleva a publicación da obra seleccionada nas cinco linguas peninsulares.
O xurado, formado polos expertos en Literatura Infantil e Xuvenil Nazaré de Sousa e José Morán, os ilustradores Noemí Villamuza e Xosé Cobas, a directora editorial de KALANDRAKA, Manuela Rodríguez, e o concelleiro en funcións de Educación e Cidadanía do Concello de Santiago, Manuel Dios, sinalou que “O can de Mimo” destaca “pola súa atrevida aposta plástica, reforzada pola multiplicidade cromática, cercana á estética naif e ao mundo da infancia”. Tamén valorou “a coherencia do seu discurso narrativo, tanto textual como gráfico”.
Ao XII Premio Internacional Compostela de Álbum Ilustrado presentáronse case 300 traballos procedentes de 24 países, entre os que figuran Francia, Italia, Inglaterra, Grecia, Dinamarca, Irlanda, Rusia, Polonia, Emiratos Árabes, China, Estados Unidos, Ecuador, Colombia, Chile e México, entre outros.
Ademais da obra gañadora, o xurado elixiu como finalista o proxecto presentado co lema “Atrapamiradas”, de Marina Núñez Monterroso e Avi Ofer, de Barcelona, e foi recomendada a súa publicación “polo valor contemporáneo da súa temática e pola reflexión sobre o uso das novas tecnoloxías dende un punto de vista humorístico”.