Ediciones Linteo que toma o seu nome da palabra latina “linteum”, ‘lenzo’ ou ‘liño’, -a súa flor é o símbolo da editorial- é unha empresa ourensá que nace co obxectivo de contribuír á difusión da cultura tanto no marco do libro como en calquera outro soporte. O valor da palabra como fonte de coñecemento, a calidade do texto e unha presentación coidada do mesmo son algúns dos aspectos que definen a liña editorial. Narrativa, poesía, tema galego e libro artístico son algúns dos eidos nos que vén proxectando a súa actividade.
Polo de agora ten abertas seis liñas editoriais: “Linteo Narrativa”, “Linteo Infantil e Xuvenil”, “Linteo Poesía”, “Font de la Cometa”, “Lintei Libri” e “Colección aberta” para temas relacionado con Galicia. A editorial ourensá arrancou co seu primeiro libro O fillo da florista. 34 retratos de Eduardo Blanco Amor, a finais de 1998, pero, en realidade, a súa actividade comeza a partir do outono de 1999.
Galicia é o referente central da Colección Aberta. Nela o lector pode atopar unha peculiar Celestina galega, A casamenteira, onde se reproduce por primeira vez o orixinal do século XIX, a Obra poética de Castor Elices, o ensaio de Carmen Blanco sobre Luz Pozo Garza, as traxedias e comedias que, baixo o amparo dos planetas Terra, Mercurio, Venus, Marte e Xúpiter (Premio Asociación de Escritores en Lingua Galega 2008) nos regala Millán Picouto, a nova versión do máxico poema de Medea en Corinto de Luz Pozo Garza, As Arpas de Iwerddon (Premio Asociación de Escritores en Lingua Galega 2006) e por último Memoria Solar que recolle por primeira vez toda a obra publicada desta autora.
Linteo Poesía (en castelán), non pretende ser unha colección máis no sentido de que dea cabida indiscriminada a calquera tipo de poéticas. Ten, sobre todo, un sentido de “rescate” daqueles autores de probada autenticidade.
Con Font de la Cometa Ediciones Linteo trata de ampliar o seu eido editorial nunha singular liña artesanal creativa recuperando a tradición do libro de gravados.
A imaxinación, a reflexión sobre a vida… son algunhas das claves presentes en Linteo Narrativa, e Lintei Libri defínese coma unha colección miscelánea, ámbalas dúas en castelán.
Datos de Interese
- Ano fundación: 1998
- Cargos directivos:
- Administrador: Manuel Ramos Méndez
- Liña editorial: Narrativa. Ensaio. Poesía. Tema galego. Libro artístico.
- Coleccións: Linteo Narrativa. Linteo Infantil e Xuvenil. Linteo Poesía. Colección Aberta. Font de la Cometa. Lintei Libri.
- Títulos do catálogo: 60 (ata xaneiro de 2009)
- Prefixos do isbn: 930058, 931893, 96067
- Linguas nas que edita: Galego, castelán, inglés, francés, portugués, italiano e alemán.
- Distribuidores: Latorre Literaria, SA e as súas delegacións (Tel. 91 8719372)