Edicións Tambre como empresa pertence ao Grupo Editorial Luis Vives, formado por seis selos editoriais, entre os que tamén se atopan Edelvives, Ibaizábal, Baula, Alhucema, e máis os Talleres Gráficos.
Todo o Grupo Editorial Luis Vives móvese cun obxectivo común: o esforzo en promover a educación nos valores que enchen de contido a democracia e o noso desexo de estar presentes con valentía e creatividade no mundo da edición, lugar de creación artística, científica e técnica e ámbito privilexiado para a reflexión humanística.
O noso proxecto empresarial aposta por un modelo de desenvolvemento sostible que satisfaga as necesidades da xeración presente sen comprometer a capacidade das xeracións futuras. Traballamos por unha cultura da solidariedade, a sobriedade e o consumo racional.
Dentro deste obxectivo común para todo o grupo a finalidade concreta de Edicións Tambre é a edición de libros en galego, tanto de texto como de literatura para contribuír ao desenvolvemento educativo e social da nosa lingua e cultura.
En texto a oferta vai dende as idades máis temperás, que abranguen a Educación Infantil ata o Bacharelato.
En literatura a colección Ala Delta en galego está recomendada para idades máis infantís, mentres que para o público xuvenil achégase a oferta da colección Catavento. Para os máis pequerrechos e para aqueles que comezan a ler tamén teñen ao seu dispor libros adaptados ás súas idades e competencia lectora.
Dentro do catálogo temos publicados libros que foron galardoados nos premios que cada ano convoca Editorial Luis Vives, entre outros:
- Aínda quedan piratas na Costa da Morte, de Consuelo Jiménez de Cisneros, V Premio Ala Delta, 1994.
- Maíto Panduro, de Gonzalo Moure, XII Premio Ala Delta, 2001.
- O cazador de estrelas, de Ricardo Gómez, III Premio Narrativa Xuvenil, 2003.
- A vaca de Fisterra e a trabe de alcatrán, de Marilar Aleixandre, finalista do Premio Nacional de Literatura 2004.
- O carteiro de Bagdad, de Marcos S. Calveiro, XVIII Premio Ala Delta, 2007.
- Eu vivía na fin do mundo, de Ramón Trigo, premio do II Concurso Internacional de Álbum Infantil Ilustrado Bibiloteca Insular do Cabildo de Gran Canaria, 2007.
O obxectivo último de Edicións Tambre é o servizo á persoa e á cultura.
Datos de Interese
- Ano fundación: 1993
- Cargos directivos:
- Director xeral: Antonio Giménez de Bagüés
- Xerente: Isabelino Reiné Carrasco
- Administración e loxística: Antonio López Prieto
- Responsable de edicións: Óscar Fontán
- Coordinador de literatura: Ignacio Chao
- Liña editorial: Libro de texto desde Educación Infantil ata Bacharelato. Literatura Infantil e Xuvenil
- Coleccións: Texto: Zoom. +Q1. Mundo Auga. Dinorah. Biblia e Escola. O País das letras. Nubaris. Rumbo Nubaris.
Literatura infantil e xuvenil: Ala Delta. Catavento. Uxía. Iago. Tento. - Títulos do catálogo: 300
- Prefixos do isbn: 9677
- Linguas nas que edita: Galego.
- Distribuidores: Distribución propia, Torre Libros, Grialibros, Distribucións Arnoia.