
A Asociación Galega de Editoras estrea imaxe gráfica no seu 40 aniversario
- En 04/04/2023
• Deseñada por Pepe Barro, está inspirada nunha espiral, forma frecuente na natureza e cargada de simbolismo en todas as culturas. Na tradición galega representa tamén a nosa identidade.
• A celebración dos 40 anos da AGE terá como acto central un encontro o día 8 de xuño en Compostela de todas as persoas que presidiron a entidade dende 1983 e das 46 empresas asociadas hoxe.
Santiago de Compostela, 04 de abril de 2023.- A primeira acción da Asociación Galega de Editoras con motivo da celebración este ano do seu 40 aniversario arranca coa renovación da súa imaxe gráfica. Deseñada por Pepe Barro, está inspirada nunha espiral, forma frecuente na natureza e cargada de simbolismo en todas as culturas. Na nosa cultura representa tamén a galeguidade. Deste xeito, debúxase a letra «G» como unha espiral. Ademais, ese «G» é a inicial de Gallaecia, Galicia, Galiza, Galicien, Galice, Galizia… A tipografía elixida é a Atlántica Serif, deseñada por Marcos Dopico.
Para o deseñador Pepe Barro, o obxectivo desta renovación gráfica é deseñar un símbolo que dea visibilidade á Asociación a partir dunha marca de identidade –doada de recoñecer e de lembrar– coa que comunicar os valores e fins esenciais da AGE.
Fundada en 1983, a AGE desenvolverá varios eventos ao longo deste ano para conmemorar os seus 40 anos de traballo en común
Ademais da renovación da súa imaxe gráfica, a Asociación Galega de Editoras –que integra actualmente a 46 empresas asociadas–, celebrará este ano varias accións arredor dos seus 40 anos de existencia: un evento conmemorativo en Compostela o día 8 de xuño, que reunirá a presidentes e presidentas deste período; unha publicación colectiva sobre os «Cen anos de edición moderna en Galicia», e un Simposio especial, en setembro, do libro e da lectura, centrado na traxectoria da AGE ao longo destas catro décadas.