
A Asociación Galega de Editoras presente na Feira Internacional do Libro de Frankfurt
- En 19/10/2016
A Feira do Libro de Frankfurt, que comeza hoxe e transcorrerá ata o 23 de outubro, conta con representación do sector editorial galego entre o que destacan dez empresas que forman parte da Asociación Galega de Editoras e comparten stand conxunto coa Xunta de Galicia: Edicións Xerais de Galicia, Editorial Galaxia, Ediciones Linteo, Hércules de Ediciones, Arnoia Distribucións/Edicións do Cumio, Baía Edicións, Urco Editora, Nova Galicia Edicións e Bolanda Ediciones.
Ademais, a este encontro comercial do sector editorial, viaxan o presidente da Asociación Galega de Editoras e director da editorial Kalandraka (empresa que conta con stand propio), Xosé Ballesteros e, Belén López, de Baía Edicións, xunto con representantes das anteriores editoriais citadas que se desprazan á Feira co obxectivo de xestionar compravenda de dereitos editoriais.
Na Feira Internacional do Libro de Frankfurt danse a coñecer as tendencias do sector no mercado editorial e os novos modelos de negocio, amais de achegarse cada ano profesionais do ámbito do libro procedentes de todo o mundo.
A AGE tamén estivo representada na Feira LIBER, promovida pola FGEE e organizada pola Fira de Barcelona e que vén de celebrarse a semana pasada, do 12 ao 14 de outubro. A Asociación Galega de Editoras contou con representantes na feira das editoriais galegas, como Xosé Ballesteros e Francisco Castro, da Editorial Galaxia e Xosé Figueiras, de Arnoia Distribucións/Edicións do Cumio.