
Balance da presenza da AGE na 54 edición da Feira Internacional do Libro Infantil e Xuvenil de Boloña
- En 08/04/2017
Despois da celebración da 54 edición da Feira Internacional do Libro Infantil e Xuvenil de Boloña, as editoriais asociadas á AGE desprazadas á feira fan un balance moi positivo do seu traballo e do desenvolvemento da súa axenda. Hércules de Ediciones, Baía Edicións, Editorial Galaxia, Kalandraka Editora e Alvarellos Editora mantiveron relacións de compra e venda de dereitos con distintos axentes literarios, editores e ilustradores no evento dedicado ao mundo da produción de libro infantil e xuvenil e o máis importante para o sector do libro especializado neste ámbito.
Na feira, que congrega unha ampla representación internacional de editores, tradutores, axentes literarios, autores, as editoras desprazadas a Boloña crearon alianzas e pecharon proxectos nas numeroras reunións mantidas, moitas delas no propio stand de Galicia, compartido conxuntamente coa Asociación Galega de Editoras e a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.
Nesta 54 edición da Feira Internacional do Libro Infantil e Xuvenil de Boloña, celebrada do 3 ao 6 de abril e que tivo como convidados de Honra a Cataluña e Illas Baleares, as editoras traballaron na axenda pechada e organizada con antelación e coa que levaron a cabo diferentes actividades de promoción e xestión da súa actividade.
O presidente da AGE, Xosé Ballesteros, aproveitou a feira para manter diversas reunións con Nicole Grüner, representante da FrankfurtBookFair e a vicepresidencia desa feira, Marifé Boix García amais da reunión con Ruben Padilla, responsable e coordinador de profesionais da FIL Guadalaxara, co obxectivo de estreitar lazos e acadar acordos de gran relevancia para a AGE con respecto á presenza e o rexistro de profesionais por parte da asociación nesas feiras.
No marco da feira de Boloña, Kalandraka Editora desenvolveu tamén actos diversos pola cidade, como a presentación da obra I Tre Porcellini, na Libraría Trame, acto que destacou pola presenza do ilustrador da obra, Marcos Somá.
O stand de Galicia recibiu numerosas visitas entre as que destacou a presenza dos autores Roberto Inocenti e Antonis Papatheodoulou (gañador do Premio Compostela na edición pasada)
Amais, desde a BBF, as novidades editoriais galegas exhibíronse no stand de Galicia e déronse a coñecer a obra dos/as autores/as galegos/as nunha das principais citas anuais do mundo editorial: Hércules de Ediciones, Baía Edicións, Editorial Galaxia, Kalandraka Editora e Alvarellos Editora, Urco Editora, Nova Galicia Edicións, Ediciones Bolanda, Edicións Xerais de Galicia e OQO Editora.
Desde a BCBF, o presidente da AGE, foi entrevistado polo Diario Cultural, da RG, polo desenvolvemento da feira e para dar a súa impresión sobre a situación actual das editoras de LIX. A feira, segundo o presidente da AGE, Xosé Ballesteros, propón buscar fórmulas para aproveitar os recursos que temos á nosa disposición, que poidamos organizar desde a AGE o noso traballo e dar imaxe de unidade.
Máis información: Twitter, Instagram e Facebook